Maiores de 80 anos, fieis á cita coa vacinación en Pontevedra: «Chámanme e veño»

PONTEVEDRA



Isolina, Perfecto, Jesús ou Prudencia foron dos primeiros en recibir as picadas no centro de saúde Virxe Peregrina
21 oct 2025 . Actualizado á 10:05 h.A campaña de vacinación fronte á gripe e o covid iniciou este luns un novo paso coas picadas aos maiores de 80 anos nos centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Este 2025 o proceso comezou o pasado 29 de setembro nas residencias e o 13 de outubro trasladouse ás escolas infantís e colexios, onde se vacina a menores de seis meses a 11 anos.
Onte o día non invitaba moito a saír de casa, pero os maiores que estaban citados acudiron aos ambulatorios para recibir, se querían, as dúas vacinas, a antigripal e a do covid. Ás 10.30 horas, no Virxe Peregrina de Pontevedra non hai colas e os usuarios van chegando sen présa. A maioría dos que acoden fano acompañados, como Isolina Piñón, de 95 anos, que sae do brazo dun home pola entrada lateral da rúa Echegaray. «Non temos moito tempo que temos o coche aparcado enfronte», di mentres a muller esboza un sorriso.
Tamén se puxo as dúas vacinas Perfecto Iglesias, de 97 anos. Sae só, acompañado dun bastón, pero está a agardalo unha filla no coche. «Tiña cita e mentres teña vida virei, xa me queda pouco», solta desde a rampla. Pouco despois sae Jesús Cortegoso, de 83 anos. El tamén é dos que están convencidos da protección fronte eses virus que achegan as vacinas. «Chámanme e veño», comenta mentres se acaba de pór o chaquetón.
Algúns anos máis que Jesús ten Prudencia Martín, de 99, que salgue cun andador acompañada pola súa nora Inés. Mentres o seu familiar vai buscar o coche, ela non ten inconveniente en contar como lle foi coas vacinas. Tamén se puxo as dúas, unha en cada brazo. Dunha non decatouse e da outra, un pouco, di. «Pican moi ben, son moi delicadas porque se che toca unha brava... Eu xa veño coa manga preparada». Natural do País Vasco, Prudencia relata que ela se vacina todos os anos. Cóntalle ao fotógrafo e á xornalista que ela, quitando o oído e o lumbago, está estupenda agora que se achega aos cen anos. Coqueta, di: «Nalgún tempo era guapa, agora non, que adelgacei moito». Tras ela o persoal do Virxe Peregrina segue picando.