Un cento de profesionais analizan en Pontevedra o futuro dos almacéns dos museos

PONTEVEDRA

Entre o xoves e o sábado desta semana, o Museo de Pontevedra será o anfitrión da cuarta edición do Encontro de Museoloxía ICOM-España, unha cita de carácter trienal que reúne representantes dos principais museos españois para debater sobre a súa realidade e tendencias. Deste xeito e baixo o título de Coleccións almacenadas: (re)definir e (re)organizar. O desafío da sostibilidade medioambiental e social, máis dun cento de profesionais analizarán o futuro dos almacéns e salas de reserva dos museos.
Dende a Deputación de Pontevedra precisaron que esta cuarta edición abordará «o estado actual e os desafíos a futuro das coleccións almacenadas e os espazos que as albergan desde unha dobre perspectiva». Así, por unha banda, «a través do estudo e presentación de novos modelos das reservas dos museos», e por outra, «a través da redefinición das mesmas, ao amparo de criterios de sostibilidade ambiental e social, que as doten de novos usos e de novos modos de relación entre as institucións museísticas».
No que respecta ao programa, este contará coa participación de expertos internacionais como Gaël de Cuinchen, membro do grupo de traballo de coleccións almacenadas de ICOM, Víctor Cageao, director das Coleccións Reais, Roman Aebersold, do Museo Nacional Suízo, Juliette Raoul Duval, vicepresidenta de ICOM Europa e Hélène Vassal, directora de coleccións do Museo do Louvre, entre outras figuras de relevancia neste ámbito.
Tamén participarán directores e directoras dalgúns dos principais museos galegos, como CGAC, Museo das Peregrinacións, Museo Arqueolóxico de Ourense ou Museo de Belas Artes da Coruña, ademais da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve.
Ademais de conferencias, mesas redonda e debates, está prevista unha visita guiada ao Museo Provincial e a actuación da Coral Polifónica de Pontevedra, que interpretará os temas En Ávila mis ojos (anónimo do século XV), Niño Dios d’amor ferido, de Francisco Guerrero, e Si vas a San Benitiño, de Antonio Blanco Porto. A xornada do sábado resérvase para visitas culturais a varios museos en Santiago, caso do CGAC, Museo das Peregrinacións, Museo da Catedral e Museo do Pobo Galego.
O Encontro de Museoloxía de ICOM-España é un foro de presentación de experiencias e intercambio de coñecementos entre profesionais dos museos, que se celebra cada tres anos nunha cidade española. Deste xeito, Pontevedra segue a estela de Madrid, Valencia e San Sebastián.