Unha parella «fitipaldi» en Pontevedra: dan positivo por alcol dúas veces na mesma noite e el ofrécelle unha malleira aos policías

PONTEVEDRA

A muller intentou fuxir do control dando marcha atrás e o home acabou arrestado por ameazar de morte aos axentes
24 may 2025 . Actualizado á 12:29 h.A Policía Local de Pontevedra viviu o mércores 21 de maio un deses sucesos que só poden cualificarse de rocambolescos, ademais de temerario. Todo a conta das andanzas dunha parella, home e muller, que deron positivo dúas veces por alcol na mesma noite e, amais, el intentou agredir aos axentes. O home acabou coas esposas postas e indo ao calabozo.
Todo empezou sobre as 1.30 horas da madrugada do mércores, cando a policía realizaba un control de alcoholemia no cruzamento da rúa Manuel do Palacio con Rosalía de Castro. Detiveron a unha vehículo para realizarlle a proba de alcoholemia ao condutor e este deu positivo. A copiloto ofreceuse entón a conducir, pero lle realizaron a ela o control e tamén ía baixo os efectos do alcol. Así que lles inmobilizaron o coche, que foi retirado da vía pública polo guindastre municipal.
Os axentes continuaron de rolda e, pasada unha hora, levaron unha sorpresa na avenida de Marín. Esa copiloto que dera positivo ía ao volante doutro coche. Déronlle o alto a altura á altura de San Roque e comprobaron que levaba de ocupante ao home ao que antes tamén cazaran borracho. Realizáronlle de novo a proba de alcoholemia a ela e seguía dando positivo, así que ao non haber condutor alternativo inmobilizáronlles este segundo coche.
Intentou dar marcha atrás
A condutora, nin curta nin preguiceira e segundo o parte policial, ao ver que ían ter que apearse deste segundo coche activou o contacto do vehículo e meteu unha arrancada cara atrás. Os axentes tiveron que rodear o turismo e conseguiron abrir a porta dianteira e retirar as chaves do contacto nunha escena practicamente de película.
Por se non chegase con esa algarada, o copiloto que, lembremos, tamén ía baixo os efectos do alcol, baixouse do automóbil e ofreceulle unha malleira aos axentes. Díxolles que ía partirlles « a cara» e acabouse enfrontando a un dos policías, que decidiu reducir ao home para evitar unha agresión. A pesar de estar xa reducido, este seguiu proferindo ameazadas e, segundo recolle o parte policial, ameazou de morte a un dos axentes. Acabou detido e sendo trasladado ás dependencias policiais. No medio diso chegou un condutor alternativo que non bebera e puido levarse o coche.