A educación na xestión de residuos chega a todos os colexios de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

ADRIÁN BAÚLDE

Luis López e Ángeles Vázquez asinaron o protocolo do programa «Ponte a Zero»

10 abr 2025 . Actualizado á 19:14 h.

Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra colaborarán na realización de iniciativas encamiñadas a reforzar a educación ambiental nos centros educativos da provincia. E todo iso co obxectivo de concienciar aos seus alumnos na importancia dunha correcta xestión dos residuos.

Así o puxo de manifesto este xoves a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, tras asinar o protocolo de colaboración con Luis López relativo ao programa Ponte a Zero. Esta iniciativa busca concienciar á comunidade escolar da problemática dos residuos, á vez que facilita información para minimizar a súa produción e potenciar a súa correcta separación.

ADRIÁN BAÚLDE

A intención é chegar á totalidade dos centros educativos dos 61 concellos de Pontevedra. Xa non só aos seus alumnos e docentes, senón tamén á familia conscientes da necesidade de que toda a poboación entenda a importancia de levar a cabo un consumo responsable que permita reducir o volume de residuos e separar correctamente os diferentes tipos «para garantir unha correcta reciclaxe e poder converter os residuos en recursos», remarcou Ángeles Vázquez.

A titular de Medio Ambiente apostou pola colaboración entre as diferentes administracións, organismos e entidades, de tal modo que a Deputación destinará 150.000 euros para que o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) realice unhas serie de actividades. Entre as máis novas, Vázquez aludiu «á patrulla reciclaxe» ou a contacontos centrados no impacto da produción téxtil ou dos aceites no medio ambiente, que se complementarán con xornadas formativas para profesorado, exposicións itinerantes ou obradoiros para afianzar os conceptos que se vaian adquirindo.

Modelo de sustentabilidade

«Se as Rías Baixas son un modelo de sustentabilidade, a xestión dos residuos e esa labor de concienciación debe ser tamén determinante», sinalou, pola súa banda, Luis López. O presidente da Deputación destacou o feito de que «levamos esta formación aos colexios dos 61 concellos da provincia. Vivan onde vivan, reforzamos a concienciación para a xestión dos residuos e da súa separación».

ADRIÁN BAÚLDE

Neste punto, deixou claro que «reafirmamos o noso compromiso co medio ambiente en cada unha das accións que poñemos en marcha. Que os que visiten as Rías Baixas saiban que van atopar un destino tremendamente vinculado co medio ambiente e sustentable».