


















A batucada reuniu a miles de persoas nas rúas
27 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.Verín é unha das capitais do entroido. Cunha festa declarada de interese turístico nacional, a saída dos cigarrones e todo o ciclo festivo a eles asociado converte a localidade ourensán nun fervedoiro de xente. Non hai debate. Pero se é capital no inverno, non o é menos no verán. Baixo o nome de batucada, cada final de xullo miles de persoas sacan os seus disfraces á rúa para gozar do entroido de verán.
Coas altas temperaturas asociadas ao mes de xullo decidiuse incluír no programa unha festa da espuma e outra da auga. Así que tras pasar polo xabón, comeza a guerra de auga. Con mangueiras e tamén con pistolas, de modo que para cando chega o desfile das batucadas, moitos xa van calados ata as orellas. É por iso que moitos prescinden do disfrace para baixar directamente en pouco máis que bañador ou bikini, mentres que non faltan os que inclúen outros aderezos coma se realmente estivesen na praia ou a piscina, por iso de manter o espírito carnavalero. Non faltan fúndalas protectoras contra a auga, porque o móbil (xa se sabe) non pode faltar.
Este ano as invitadas foron as batucadas Queimatasas, de Poio; e Bloco Trifulka, de Xinzo de Limia. Non só tocaron, senón que protagonizaron incluso unha batalla. A noite continuou con varios picadiscos.
Pero con Verín non se acaba o entroido de verán, nin moito menos. O vindeiro sábado a cita será en Maceda, co entroido quente; e unha semana máis tarde trasladarase á Pobra de Trives, onde o sábado haberá mercado e festa de disfraces e o domingo o desfile de folións, no que participan varios grupos da provincia.