En 1988 Sarreaus prohibía asistir aos plenos con «gorras, chapeus ou barba»

La Voz OURENSE

SARREAUS

María Pedreda

O gobernador instaba o Concello hai 25 anos a anular a norma de «aseo persoal» que esixía evitar determinados complementos

28 may 2023 . Actualizado á 05:00 h.

As modas cambian e o que era tendencia onte pode non selo hoxe. Pero máis aló diso ía a decisión tomada hai agora 25 anos polo Concello de Sarreaus. Un acordo municipal adoptado no pleno do mes de maio de 1988 condensaba as inquietudes dun edil de Alianza Popular, Juan Rivero Rivero, recentemente falecido.

A acta recollía un código de conduta para a asistencia aos plenos e expresábase nestes termos: «Esixir a todos os colegas da corporación, por respecto aos demais membros e ao público en xeral, a asistencia ás sesións e as comisións debidamente presentables coa correspondente hixiene e aseo persoal, prohibindo a asistencia con gorras, chapeus, viseiras, fundas, barba e outras peza de mala imaxe, salvo en caso de extrema necesidade e excepcionalmente».

A decisión, que se adoptou o 6 de maio de 1988, non pasou desapercibida. De feito, o día 24 La Voz de Galicia facíase eco da ameaza de impugnar o acordo do gobernador civil de Ourense, que requiría á corporación municipal que deixase sen efecto a moción aprobada no pleno. E facíao apelando á Lei de Bases de Réxime Local.

Discriminación

«O contido da indicada moción podería ser reputado de inconstitucional por conter unha clara discriminación. No caso de que non deixen sen efecto o acordo, procedería a impugnalo ante a xurisdición do contencioso-administrativo, unha vez transcorrido o prazo previsto», remataba a información que ofrecía o xornal a aquel respecto.

Dous días despois o pleno de reunía tras recibir o requirimento de Francisco González e analizaba un informe elaborado polo secretario municipal —que naquel momento era Plácido Álvarez, hoxe alcalde de Muíños polo PP— no que se suxería a substitución dalgunhas expresións do acordo tomado tras a aprobación da moción de AP. Pretendía acougar os ánimos, manter a convivencia e evitar que o gobernador civil tomase medidas. «En concreto —relataba o correspondente en Sarreaus— proponse a eliminación de esixir e prohibir, palabras que poderían substituírse por aconsellar ou exhortar, mantendo o espírito da moción intacto, co que se evitaría ferir máis aos seus promotores». E é que a repercusión do acordo sorprendera, e non para ben, aos representantes de Alianza Popular neste municipio ourensán.

Tampouco pasara desapercibido para os veciños o acordo municipal: a opinión popular, a favor ou en contra de barbas e gorras, dividíase máis en función das ideas políticas dos veciños que do contido en si do acordo, segundo testaba o correspondente do xornal.

[Consulta aquí a páxina de maio de 1988]

«Non asistiu a esta sesión plenaria un dos concelleiros da oposición aos que, ao parecer, ía dirixida a moción polo seu costume de levar a cabeza cuberta. O outro habitual usuario de viseira estivo presente, pero sen ela. Juan Rivero, edil que redactou o escrito, levaba gravata», recollía unha das crónicas do momento.

Entón non se tomou unha decisión, de maneira que o debate se mantivo durante semanas. O alcalde aseguraba que o tema estaba «en estudo» e o pleno volvía reunirse nunha nova sesión extraordinaria —xa cos dous concelleiros que adoitaban ir cubertos sen chapeus, gorros nin viseiras— para manter a prohibición, facendo caso omiso ás indicacións do gobernador civil. De feito aseguraba que non informara de que lei se estaba infrinxindo coa aplicación desa norma.

Naquel momento sumáronse sete votos a favor de AP-CdG e CPG fronte á oposición dos cinco edís do PSOE.

Para evitar a «mala imaxe»

O rexedor, Antolín García, aseguraba que non existía discriminación algunha posto que a recomendación para evitar a «mala imaxe» aplicábase a todos os concelleiros, non só os da oposición. «Trátase de evitar situacións de exceso, especialmente as intencionadas e as que afectan as normas de convivencia cidadá», especificaba ao ser preguntado pola contundencia de palabras como «prohibir» ou «esixir».

Finalmente, esgotadas as manobras e os prazos, o gobernador civil levaba a decisión do Concello de Sarreaus á sala do contencioso-administrativo.

En todo caso pasou o tempo e, despois de dimes e diretes, a norma sobre as gorras e as barbas quedou polo camiño.