Nesta nova tenda de Ourense podes comprar roupa vintage de marca ao quilo

Uxía Carrera Fernández
U. CARRERA OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Aldo y Roxania venden ropa de segunda mano de marca en Retro Vintage
Aldo e Roxania venden roupa de segunda man de marca en Retros Vintage MIGUEL VILLAR

Aldo e Roxaina destacan o produto estrela das camisetas de fútbol no seu comercio Retros Vintage, en Pena Trevinca

15 jul 2025 . Actualizado á 18:14 h.

As modas son cíclicas e en Ourense hai unha nova opción para vestir como fai unhas cantas décadas. Os cubanos Aldo Jesús Oliva e Roxania Hernández apostaron pola moda vintage como negocio para emprender na cidade á que chegaron hai dous anos. Mentres el compaxina a tenda coa hostalería, Roxania ocúpase ao completo de Retros Vintage, situada no número 1 da rúa Pena Trevinca. Ningún dos dous coñecía o mundo da roupa de segunda man antes de embarcarse co seu propio negocio. «A moda vintage está en tendencia así que estudamos como funcionaba, non requiría demasiado investimento e víñanos ben así que nos lanzamos», lembran.

Desde o mes de abril venden pezas de segunda man, pero todas de marca e de calidade. A parella é a encargada persoalmente de escoller as pezas que chegan á tenda. Traballan con grandes provedores aos que lle seleccionan as mellores pezas. Durante un tempo tamén contaban coa opción de recoller roupa de particulares, pero moita non se axustaba á calidade que buscaban, polo que deixaron de facelo. Empezaron principalmente con roupa masculina, pero cada vez hai máis opcións femininas. Venden camisetas, jerséis, gorras, chaquetas, pantalóns e empezan a ter vestidos e saias. Proximamente tamén comercializarán calzado. «Hai moita moda dos anos 2000, cos estilos do hip-hop, urbanos ou de rock», explica Aldo. Un dos produtos estrela son as camisetas de fútbol, actualmente moi demandadas: «Unha parte importante dos clientes vén nun principio por iso». Venden a roupa a prezos económicos, con ofertas e tamén ao quilo. «Queremos ser pioneiros en Ourense», defenden. Un quilo de pezas de Retros Vintage custa 39 euros e pésase na propia tenda. Os emprendedores queren deixar claro que todas as pezas que entran á tenda están en bo estado. «Fixámonos en que non haxa nada nin sucio, nin estragado nin que necesite arranxos», asegura Roxania. Xustifícase porque cre que aínda existen certos prexuízo cara ao uso de roupa de segunda man, pero ao ser de marca escollen as pezas cunha calidade mínima. Pódese atopar artigos de Adidas, Nike, Polo, Ralph Lauren, Lacoste, Umbro... «O obxectivo é reciclar e reutilizar a roupa», defende a emprendedora. Polo momento están contentos coa afluencia de clientes, xa que só hai outra tenda co mesmo tipo de artigos.