Final sabatina para o Vilalonga ante un Barbadás que empeza a sacar a cabeza do fondo do pozo
BARBADÁS
Alberto Mariano volve ter que xestionar un equipo con numerosas e importantes baixas
12 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Vilalonga xoga esta tarde o primeiro dos seus tres partidos en nove días. Unha Semana Santa que vén pode rematar en Domingo de Resurrección ou ben co cadro celeste ferido de morte na súa pelexa por saír da penúltima praza da clasificación da Tercera Federación, que ocupa con 26 puntos e un partido menos cos seus rivais pola permanencia.
Entre estes últimos figura o seu adversario desta tarde no Novo San Pedro (18 horas). O Barbadás preséntase ao choque décimo terceiro con 30 puntos e en estado de graza, logo de encadear catro xornadas en positivo con dúas vitorias e outros tantos empates, incluídos un 1-2 a costa do Arousa e un 0-0 coa Sarriana.
Sen os irmáns Jesús e Juan Barbeito, por sanción, nin Varo, Álex Barbeito e Héctor, por lesión, o técnico do Vilalonga, Alberto Mariano, só recupera a Wachi para un duelo de hoxe que cualifica de «outra final». Porque, di o adestrador celeste, «todo o que vén agora son finais para nós. Se perdemos —hoxe— será un paso atrás importantísimo, e se gañamos, será un paso adiante igual de importante».
Para Alberto Mariano, que trata de dosificar o seu equipo sendo que o vindeiro xoves tocará medirse ao cadro de moda, o Alondras, e catro días despois xogar en Boiro, a clave hoxe será «ser moi contundentes atrás ante un Barbadás moi físico e estar acertados nas dúas áreas».