Xunta e Concello de Manzaneda investirán 180.000 euros no arranxo da estrada de Soutelo

La Voz OURENSE

OURENSE

Casa consistorial de Manzaneda
Casa do concello de Manzaneda LOLITA VÁZQUEZ

Faranse melloras no firme e a sinalización e crearanse zonas verdes no vial, moi transitado polos veciños da zona

20 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Consello da Xunta dará luz verde este luns ao acordo de cooperación entre a Consellería de Vivenda e o Concello de Manzaneda para executar as obras de mellora do vial que conecta co núcleo rural de Soutelo, na parroquia de San Martiño, un proxecto que suporá un investimento de máis de 180.000 euros.

Os traballos contemplan a adecuación do camiño municipal que une os lugares de Manzaneda e Soutelo, actualmente con deficiencias no seu firme, drenaxe e sinalización horizontal. Ademais, revisaranse as redes de augas pluviais e crearanse pequenas zonas verdes. O tramo, coñecido como subida a Soutelo, ten unha lonxitude de 560 metros. Trátase dunha vía cunha  importante afluencia por parte dos veciños de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales, xa que constitúe a principal de conexión entre estes núcleos e enlaza coa estrada provincial que une Manzaneda e Trives. Tamén é utilizado habitualmente por turistas que visitan estas zonas de gran valor paisaxístico, etnográfico e arquitectónico.

O Goberno galego cofinanciará o 70% da actuación, achegando preto de 126.000 euros, e asumirá a contratación e execución das obras. Pola súa banda, o Concello de Manzaneda achegará o 30 % restante do presuposto, uns 54.000 euros, redactará o proxecto técnico e realizará as xestións necesarias para a súa execución, comprometéndose ademais a recibir, manter e conservar as obras, que pasarán a formar parte do patrimonio público municipal.

Esta actuación enmárcase no contexto do Plan Hurbe, un programa da Xunta de Galicia para colaborar cos concellos en proxectos de mellora de contornas urbanas, accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas, así como na dotación de equipamentos públicos que favorezan a revitalización e o reequilibrio territorial.