A Deputación concede 700.000 euros para unha vintena de iniciativas

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O organismo provincial dá axudas a concellos e entidades na provincia

13 jun 2023 . Actualizado á 05:00 h.

A xunta de goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns a concesión de máis de 700.000 euros en subvencións para financiar unha vintena de proxectos municipais e iniciativas culturais e deportivas. Así, deuse luz verde a unha axuda de 18.000 euros para o Concello de Bande que se destinará á adquisición de terreos para proxectos termais, ou unha partida de 37.000 euros para traballos de restauración ambiental en Laias (Cenlle).

O Concello de Sarreaus, pola súa banda, contará con dúas subvencións (48.000 euros cada unha) para obras en camiños municipais e de mellora de abastecemento e saneamento. Tamén A Rúa dispoñerá de diñeiro para obras de humanización na rúa As Guindeiras (48.000 euros) e a urbanización do Barrio (40.000). Muíños, Coles, A Peroxa, Beariz, Riós ou Nogueira de Ramuín son outros dos concellos beneficiados.

En colaboración con outras entidades, a xunta de goberno provincial aprobou unha achega de 80.000 euros para actividades da Academia Galega do Audiovisual. Co mesmo destino, a Fundación Insúa dous Poetas recibirá 15.000 euros. Tamén se apoian eventos de hóckey ou musicais.