Ceuta, cando a normalidade deixa de existir

Juan Jesús Vivas PRESIDENTE DA CIUDAD AUTÓNOMA DE CEUTA

OPINIÓN

Grupos de personas migrantes siguen durmiendo en la calle
Reduan | EFE

Quero comezar agradecendo a La Voz de Galicia a oportunidade que me brinda para trasladar aos seus lectores unha reflexión sobre o que ocorreu en Ceuta e, sobre todo, sobre o que aínda estamos a vivir.

Non se trata unicamente de explicar uns acontecementos. Trátase de dar voz a unha cidade e de intentar transmitir que senten e que pensan hoxe os ceutíes despois de vivir un dos momentos máis difíciles da nosa historia recente e un dos episodios máis graves para a seguridade nacional das últimas décadas.

Os días 30 e 31 de xullo a nosa cidade sufriu unha entrada masiva de aproximadamente 80.000 persoas, unha cifra equivalente a toda a poboación de Ceuta. Para comprender a dimensión do sucedido, basta trasladar esa proporción a Vigo: sería coma se, en apenas trinta horas, entrasen na cidade 300.000 persoas.

Aínda hoxe calculamos que permanecen en Ceuta ao redor de 10.000 de quen chegou durante aquelas xornadas.

Pero, máis aló das cifras, hai unha realidade difícil de explicar a quen non a viviu: Ceuta deixou, en moi pouco tempo, de ser o que era. A vida cotiá alterouse profundamente, a tensión social creceu e os servizos públicos e a capacidade de acollida víronse sometidos a unha presión extraordinaria.

A pregunta que hoxe se fan moitos cidadáns é sinxela e, ao mesmo tempo, profundamente inquietante: Cando rematará isto? Cando recuperaremos a normalidade perdida?

Porque unha sociedade sometida a unha situación desta natureza necesita, ante todo, recuperar a certeza de que existe un camiño de saída. E non o ten.

Unha das principais reflexións que considero necesario compartir é que isto non é unha crise migratoria. Ou, polo menos, non pode explicarse nin comprenderse unicamente así. Sería reducir unha realidade de enorme gravidade a unha soa das súas consecuencias.

Estamos ante unha situación que afecta á seguridade, á convivencia, ao funcionamento dos servizos públicos e á actividade económica. Pero, sobre todo, afecta á integridade territorial e á soberanía do noso país.

Por iso sostiven que Ceuta vive unha crise existencial e unha crise de Estado. Unha situación que transcende o ámbito local e ten unha dimensión nacional e europea. Ceuta é territorio español e fronteira exterior da Unión Europea. O que ocorre en Ceuta non remata en Ceuta.

Tamén é inevitable preguntarse quen está detrás do ocorrido. A miña convicción, baseada nos indicios coñecidos e nos precedentes existentes —xa nos pasou en maio do 2021—, é que Marrocos utilizou novamente o control fronteirizo e a presión migratoria como instrumentos ao servizo de obxectivos políticos.

Non se trata de alimentar enfrontamentos nin de renunciar a unhas relacións de boa veciñanza que son necesarias. España e Marrocos deben aspirar a manter unha relación estable e construtiva. Pero unha boa relación esixe unha condición imprescindible: o respecto. E o respecto empeza por respectar as fronteiras, a soberanía e a integridade territorial.

Creo, así mesmo, que é necesario coñecer a verdade de todo o ocorrido. Nos días previos existían sinais de alarma e desde a cidade trasladamos a nosa preocupación ás institucións competentes, reclamando medidas e mecanismos extraordinarios.

A pregunta é inevitable: Por que non se actuou con maior anticipación? Por que, despois do precedente do 2021, non existía ou non se aplicou un protocolo suficientemente eficaz para responder de xeito inmediato?

Non expoño estas cuestións para alimentar a confrontación, senón porque Ceuta e os ceutíes teñen dereito a coñecer a verdade. A lealdade institucional é fundamental, pero empeza por defender o interese nacional, a soberanía e a integridade territorial de España.

Por amais de calquera debate, hai unha prioridade que non admite demora: Ceuta ten que volver á normalidade.

Os ceutíes necesitan recuperar a tranquilidade, o acougo e, sobre todo, a esperanza. Para iso, considero imprescindible que as persoas que entraron irregularmente de xeito masivo os días 30 e 31 de xullo e permanecen aínda na nosa cidade regresen aos seus países de orixe, de acordo coa lei e mediante os mecanismos que correspondan.

Ceuta demostrou sempre a súa capacidade de acollida e solidariedade. Pero unha cidade de pouco máis de vinte quilómetros cadrados e con enormes limitacións estruturais non pode soportar indefinidamente unha situación desta magnitude.

Esta crise debe marcar un antes e un despois. O Estado non pode replegarse en Ceuta. Debe reforzar a súa presenza en defensa, seguridade, sanidade e educación, e Europa debe comprender definitivamente a singularidade de Ceuta como fronteira terrestre europea en África.

Defender Ceuta non significa unicamente protexer as súas fronteiras. Defender Ceuta significa garantir o seu futuro.

Quero rematar cun agradecemento. Ás nosas Forzas e Corpos de Seguridade, ás Forzas Armadas, aos sanitarios, aos voluntarios e a todos os traballadores públicos e cidadáns que deron un exemplo de responsabilidade e entrega. E tamén aos medios de comunicación por pór o foco en Ceuta e axudar a que España comprendese a transcendencia do que aquí ocorreu. Estou convencido de que sairemos desta situación. A nosa gran fortaleza é o pobo ceutí e tamén o respaldo de España.

Ceuta non se vende, Ceuta non se rende, Ceuta deféndese. Porque Ceuta é España, pola súa historia, polo seu dereito e, sobre todo, porque así o senten os seus cidadáns, recen como recen e chámense como se chamen.