Cambio coche por jarrete

Javier Guitián
Javier Guitián EN OCASIÓNS VEO GRELOS

OPINIÓN

SANTI M. AMIL

Segundo lin, o acordo comercial UE-Mercosur pechouse en decembro do 2024 e pon fin ás negociacións iniciadas en 1999. Trátase de «un dos acordos comerciais máis ambiciosos xamais subscribidos por calquera dos dous bloques, cun mercado duns 780 millóns de persoas e preto dunha cuarta parte do PIB mundial». O acordo, que acaba de asinarse, pretende crear unha das zonas de libre comercio máis amplas do mundo. O pacto UE-Mercosur ten como obxectivo facilitar o movemento de mercancías entre os 27 estados membro da Unión Europea e as catro economías do Mercado Común do Sur (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai), eliminar aranceis e facilitar o comercio entre rexións.

Numerosos agricultores en Europa expresaron a súa oposición xa que, para eles, a apertura comercial pode traducirse en competencia desleal fronte a produtos agrícolas que non están suxeitos ás mesmas normas ambientais e sanitarias da UE. Hai un déficit claro de concreción e información.

Para a Unión Europea, a eliminación de aranceis en sectores estratéxicos como o automobilístico, a maquinaria e os produtos químicos creará novas oportunidades para as exportacións industriais e a integración da cadea de subministración. Para Mercosur é vantaxoso en sectores como cereais, arroz, vacún ou mel. Eu non entendo moito disto, pero algo ten de cambio de cromos que hai sectores que se benefician e sectores que se verán prexudicados.

No que afecta os nosos produtores de carne dise que todo se vai a harmonizar, pero, exactamente como e con que período de transición e prazos? Busqueino e non atopo se imos harmonizar, e como, o uso de produtos químicos prohibidos na UE, os estándares laborais, os controis ambientais, a calidade dos produtos ou os nomes das vacas. Como me gustaría que houbese «Marelas» por todo o mundo!

Para min, a clave está en que non hai garantías reais de que as mercancías agrarias que veñan de Mercosur vaian respectar de verdade as normas de produción que se esixen aos agricultores e gandeiros comunitarios. É verdade que hai cláusulas de salvagarda de prezos, que ao principio só entrará na UE un 1,5% dá carne de vacún, pero as dúbidas son razoables.

Por outra banda, valorouse cales son os impactos do acordo nas explotacións agrícolas familiares, ou na economía agrogandeira local e os seus efectos no medio ambiente, a saúde e a alimentación de pequena escala? E que hai da soberanía alimentaria? Os acordos de libre comercio son unha competición entre diferentes tipos de actores, áreas, países, etcétera, con atributos laborais, ambientais e sociais moi distintos, dos que sempre adoitan beneficiarse os grandes propietarios e/ou produtores.

Veremos que ocorre cando o acordo teña que ratificarse no Parlamento Europeo e nos diferentes parlamentos nacionais, aínda que xa a extrema dereita trata de capitalizar o rexeitamento. Creo que habería que facer un esforzo de explicación antes de que se aplique o pacto porque os produtores de vacún levan décadas recibindo paus.

E que hai da soberanía alimentaria? Non lles parece que con matóns como Trump deberiamos enfocarnos á produción propia deseñando os nosos propios sistemas alimentarios? En fin, que a min o de cambiar coches por jarretes non me convence.