Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: aprender dos nosos veciños do sur
OPINIÓN
Galicia xunto coa rexión norte de Portugal forma unha eurorrexión. A eurorrexión é unha figura creada na Unión Europea para coordinar políticas e proxectos conxuntos en ámbitos como economía, transporte, medio ambiente ou cultura en rexións lindeiras de países distintos. No noso caso teñen similitudes económicas, xeográficas, culturais e lingüísticas, e conforman un espazo europeo de éxito, de alto crecemento económico.
A rexión do norte de Portugal, cuxa capital é o Porto, ten unha extensión menor que Galicia, un millón de habitantes máis, 3,7 millóns, e a súa poboación —como aquí— permanece estancada.
O seu PIB per cápita aínda é inferior ao galego, pero economicamente crecen máis que Galicia. O PIB global da rexión do norte de Portugal deulle o sorpasso a Galicia no ano 2018 e cada vez afástase máis, o que a conduce a unha progresiva aproximación en PIB per cápita (a rexión do norte de Portugal, xunto á de Lisboa, é a máis rica do país veciño).
A clave, como sempre en economía, é a produtividade, e esta creceu máis na rexión portuguesa: segundo Eurostat (oficina estatística da UE), Portugal desde o 2019 ten un crecemento medio anual do 2,22%, fronte ao 0,37% de España.
Os nosos veciños portugueses están a facelo mellor que nós. Que podemos copiar deles?
1.- A súa estratexia é unha combinación entre chan empresarial moi barato, burocracia áxil e unha normativa sindical máis favorable á empresa, o que lles permite atraer compañas españolas. Aquí a administración autonómica debe aumentar o chan empresarial a prezo competitivo e mellorar a nosa horrible burocracia. Portugal tamén ofrece menores salarios, pero nisto non debemos competir.
2.- Infraestruturas: Portugal avanzou máis que Galicia neste ámbito. A Porto, unha cidade de 248.000 habitantes, máis pequena que A Coruña ou Vigo, denomínalla a cidade das seis pontes. Dispón dun excelente metro lixeiro de seis liñas que comunica a súa extensa área metropolitana e unha óptima rede viaria, algo que nin está nin se lle agarda a curto prazo nas nosas dúas cidades motoras. Resulta esencial dispor dunha conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo, Porto e Lisboa: Portugal é o noso mercado natural tanto como España. Así mesmo, España debe forzar os prazos do corredor de transporte ferroviario do Atlántico para achegar Galicia aos mercados europeos.
3.- Coordinación entre concellos e portos e xestión de aeroportos. Na crise financeira do 2008 Portugal foi intervido por Europa, algo que resultou moi beneficioso. Reducíronse o número de concellos a 308, menos que Galicia. Fusionaron as súas tres autoridades portuarias nunha, o que permite unha xestión moito máis integrada, coordinada e eficiente dos portos, fronte ao minifundismo galego das cinco autoridades portuarias. En canto ao aeroporto do Porto, moi subvencionado polo Estado portugués, está xestionado por unha empresa privada, a multinacional francesa Vinci. Cos políticos que hai aquí, nin soñar con calquera destas medidas.
4.- Investimento en Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i). É a nai da produtividade e o norte de Portugal superou a Galicia neste apartado xa no ano 2008. Segundo Eurostat, no 2018 o seu gasto en I+D+i era do 1,53% do seu PIB, fronte ao 0,94% de Galicia. Este esforzo investidor portugués está liderado pola empresa privada, fronte ao caso español e galego que a leva o sector público. A Comisión Europea publica cada tres anos o informe de competitividade rexional das 263 rexións europeas, nel sinala que eles nos superan en innovación e en sofisticación empresarial, pero, pola contra, Galicia ten moito mellor acceso a banda larga de alta velocidade, algo esencial en produtividade empresarial. Hai que traballar no I+D+i utilizando a fortaleza que temos en Galicia coa nosa industria TIC (tecnoloxías da información e a comunicación).
A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten potencial para converterse nun dos polos económicos máis relevantes do arco Atlántico europeo. Para acadar este obxectivo resulta fundamental intensificar a cooperación transfronteiriza, modernizar as infraestruturas, fomentar a innovación e aproveitar aquí as experiencias exitosas desenvolvidas no norte de Portugal. A eurorrexión ten que ser outro factor para que Galicia siga nunha senda de crecemento económico que nos leve á superación en renda per cápita de España e a converxer a continuación coa de Europa.