Profesións con futuro

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

OPINIÓN

Imaxe tomada no ano 2003 no popular concurso da hoxe desaparecida Romaría do Leñador, no monte do Outeiro do Cruceiro, en Moaña.
Imaxe tomada no ano 2003 no popular concurso da hoxe desaparecida Romaría do Leñador, no monte do Outeiro do Cruceiro, en Moaña. Iago Maneiro

22 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro un entretemento colectivo de cando rapaz que asentaba nunha reacción mental arquetípica perante un certo estímulo: en nove de cada dez casos, o interviñente no xogo dicía carpinteiro cando se lle indicaba mencionar unha profesión. Intúo que ser o artífice dos mobles que conforman a intimidade dos fogares contribuiría a galardoar os carpinteiros coa antonomasia das profesións. Sexa como for, o característico das profesións (agás, talvez, as de funcionario e avogado, de aptitudes e contido indefinidos) é amosaren límites precisos e unha indubidable utilidade pública: follalateiros, capadores, moinantes, dependentes, empregados, chupatintas, compoñedores, ferreiros, señores do comercio, picoletos, villeus…

O nome co que titulaban as pequenas empresas familiares entrañaban afecto e unha promesa de fantasía: Curtidos Pérez, La Regeneración del Calzado, Espumosos Ovidio, Librería-Papelería La Artística, Autos La Flor. Certas profesións ían en desuso: malia a o seu prestixio nos contos infantís, eu nunca coñecín un leñador (si madeireiros, e na Estrada habíaos moi bos, pero era unha cousa xa industrial, moi pouco romántica).

Agora teño a sensación de que me perdín algo. Ben, en realidade teño a permanente sensación de estarme perdendo algo. Nestes días nos que, inevitable, arteiramente, vemos achegarse a orxía anual do consumo (paradoxalmente vinculada ao nacemento do fillo dun carpinteiro pobre), unha lexión de influencers e prescritor@s proporcionan as claves para un Nadal cheo de glamur, que pasa por fundirnos 500 euros nunha bandexa de marca francesa que parece do chino.

Youtuber, streamer, personal coach, big data analyst, personal trainer, prescritor, tiktoker, socialité, creador de contido… son as profesións da posmodernidade, encarnadas en xente guapa, imaxinativa no atavío, urbana, rompedora, políglota e, por suposto, triunfadora. Ninguén reclamou nunca os seus servizos pero aproveitaron todos os resortes da tecnoloxía para xeraren necesidades inexistentes colmándoas desa alerxia ao vulgar que fai tan exclusivos os seus followers, antes mortos que sinxelos. Tras o Nadal virá a apocalipse. Un consello: non desperdicie os últimos sete días. Rece.