Política infantil
Teño 34 anos. Pertenzo a unha xeración que era cualificada como «a máis preparada da historia». Non sei se somos os máis preparados, pero, dende logo, si somos unha xeración con moi mala sorte. No 2009 vímonos afectados por unha crise económica que durou demasiados anos. Crise que cando rematou deu paso á covid-19. Despois da pandemia atopamos unha situación moi complicada: o carro da compra custa cada vez máis enchelo, e de alugar un piso xa nin falamos, porque están polas nubes.
E, mentres a nosa situación é cada vez máis precaria, asistimos con impotencia a sesións de control no Congreso que cada vez son máis esperpénticas, e nas que os políticos dun signo acusan ós do outro de seren máis corruptos. E soltan cada vez barbaridades máis grandes. Converteron o hemiciclo nun circo ou nun patio de colexio, no que cobran miles e miles de euros por poñer en práctica o «e ti máis», mentres o pobo cada vez paga máis facturas e máis altas.
Señores deputados e deputadas, a vostedes elixímolos para que nos representen e defendan os nosos dereitos e benestar, pero está claro que ningún partido do arco parlamentario o fai (nin o fixo). Non se sorprendan se despois aparece algún iluminado populista e acaba sacando 800.000 votos. Daniel González Mariño.