O día que Mazón puido ir a Eurovisión

OPINIÓN

Ana Escobar | EFE

17 oct 2025 . Actualizado á 11:43 h.

Que Carlos Mazón era un cantante púñao ata no seu currículo, que ninguén leve agora as mans á cabeza. O home que nesta estampa mira con ollos de coello como cegado polas luces longas dun coche e agárrase á súa mochila como quen custodia as chistorras de Koldo García formou parte dun cuarteto musical chamado Marengo que, contan as crónicas, no ano 2011 intentou representar a España en Eurovisión. Non puido ser. Que pasaría de compartir honras con xentes como Julio Iglesias ou Rodolfo Chikilicuatre é un misterio. Seica O Ventorro non pasaría hoxe de ser un de tantos restaurantes nos que gozar de xenerosas sobremesas. Que diríalle o Mazón cantante de éxito a este Carlos cantante a secas? Seguramente o que Feijoo non acerta a soltarlle nin por equivocación, e mira que non hai día no que Alberto Núñez non pida algunha dimisión: «Carlos, xa está, a vida non se acaba nesa cadeira de brazos».