Muíños contra ondas

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Wind Float

19 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia ten xa vella relación coa enerxía eólica (en 1981 nacía na Coruña Gaélico, primeira empresa española dedicada ás, entón, «enerxías alternativas»). Cunha gran potencia eólica en todo o territorio, da costa aos montes, só o virxinismo impediría o seu aproveitamento. Vimos de saber que a Xustiza se manifestou sobre as concesións dos parques eólicos terrestres e, ao tempo, volve ás páxinas de La Voz a cuestión das plantas eólicas no mar. Hai quen as apoia baseándose no seu desenvolvemento en diferentes partes do mundo, mais cumpriría repararmos nas peculiaridades do caso galego. Abonda con só dúas: os fondos mariños e a pesca. As profundidades obrigan a que as plantas eólicas sexan flotantes; acotío hai miles de embarcacións menores faenando.

As estruturas dos aeroxeradores —aspas, torre, plataforma e flotadores— son perturbadores comprobados dos feixes de ondas electromagnéticas que usan os dispositivos de comunicación, localización e aviso (radio, radar, balizas...). Alén diso, aínda se podería falar de desorientación magnética da fauna mariña arredor dos condutores da enerxía eléctrica á costa. Sería bo, logo, que o Consello Galego de Enxeñerías fixese esclarecementos e propuxese normas ás administracións para evitar conflitos entre xeradores eólicos, tráfico mariño e peixes.