
O foco mediático está orientado nos últimos días cara a Juana Rivas. Ante todo, a min pésame na conciencia ese neno menor de idade ao que estamos acosando con tanto balbordo.
Por outra banda, os micrófonos achéganse con moita maior orde a Patricia Ramírez, a nai do pequeno Gabriel, asasinado pola parella do seu pai. Patricia sufriu unha furia extrema cando lle arrebataron incomprensiblemente a vida ao seu único fillo. Agora, segue condenada a unha violencia non só extrema, senón tamén eterna. Non foi suficiente con todo o que pasou? Botou días disimulando cando xa sospeitaban da asasina, coa esperanza de que lle devolvesen a Gabriel con vida. Aínda tivo que soportar que ela calumniase asegurando que todo fora un golpe desafortunado. Mentiu no xuízo! Ela, que non era unha descoñecida, senón quen compartía a vida co pai do pequeno.
Quixeron facer unha peza audiovisual coa historia, na que ata podería lucrarse a culpable da traxedia. Patricia dixo basta, arrepúxose. Conseguiu deter as gravacións. Non só loitou para que se fixese xustiza, tamén para manter a memoria do pequeno.
Pero a asasina non cesa na súa violencia e vai ir por ela. Iso asegurou desde o cárcere. Patricia volve ter medo e acode á Xustiza. Con contundencia e educación. Sen fastos, a cara descuberta, centrando o foco no contido que a preocupa.
Non sei como podes, Patricia, sobrevivir a tanta crueldade. Será que a bondade aínda ten forza neste mundo. Teño moitas dúbidas, pero por ti non podemos deixar de crer.