A lingua como instrumento electoral

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

Manifestación a prol do galego, nunha imaxe de arquivo.
Manifestación a prol do galego, nunha imaxe de arquivo. Ángel Manso

28 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou o día de Galicia. Escoitáronse rumores despois de que Rueda, con bo criterio, non vaia da man de vascos e cataláns solicitando a oficialidade idiomática en Europa (toda vez que a reclamación dos independentistas é simplemente unha argucia política). Ás portas de agosto, reflexiono unha vez máis sobre o galego. Para min resulta loable a determinación do conselleiro de Lingua, Cultura e Xuventude. Dende que dirixe a consellería, repite a súa intención: un pacto pola lingua. Eu lembro as declaracións do conselleiro e penso na sentenza de Goethe: «Amo a aqueles que soñan con imposibles». O conselleiro soña con que os partidos e institucións remen na mesma dirección defendendo a sentenza de Castelao: «Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma». Non o conseguirá. Porque o idioma segue a ser baza electoral á que non vai renunciar esa parte do país que pretende repartir os carnés de galeguidade. Cren que son os depositarios das «esencias» patrias. E cren, por riba, que toda intención do PP é perversa. Cando as intencións se converten en leis, para os outorgantes de carnés resultan motivadoras: a finalidade é acender os motores da causa. Din que a Xunta é inimiga do idioma. Non é certo. Intentarei argumentalo.

Máis do 93 % da poboación entende o galego (e o vasco?). Case a totalidade dos galegos saben falar ou ler en galego. Un dato meritorio: o 85 % saben escribir no idioma de Castelao. Iso quere dicir que a educación galega cumpre cos seus obxectivos idiomáticos. Digo isto porque hai cincuenta anos, grosso modo, en galego sabía escribir só unha minoría. Sigo: a lingua cooficial máis falada en España é o galego. Non o catalán, non o vasco… o galego! Hai outros modos de potenciar a lingua propia? Os cataláns pensan que si. O seu sistema de inmersión lingüística ofrece exiguos resultados: nos informes de avaliación do sistema educativo (probas PISA, por exemplo) sitúanse no final da clasificación. Moi por baixo da media da OCDE. Galicia non só lidera nalgúns aspectos os informes PISA, senón que en todas as variables supera a media española ou europea. E, obviamente, a distancia considerable do País Vasco ou Cataluña. Que é o que falla na postura da Xunta con respecto á lingua? Nada.

No ano 2010 defendín o decreto do plurilingüismo. Ía no programa electoral de Feijoo. Era impecable. Daba equilibrio ao galego e ao español no ensino. Ese equilibrio repercutiu nos datos que ofrecín arriba. As contornas son dinámicas. As linguas, tamén. O galego está ben defendido. Fálase, enténdese, escríbese, practícase. É un sinal de identidade ao que ninguén renuncia. O pacto que debemos procurar é cos cidadáns. Os mesmos que dende 2009 lle outorgaron (con esta política lingüística) cinco maiorías absolutas ao PP. Ese é o acordo que debe amparar, e así o fai, a Administración galega. O resto é entrar no marco dos que ven a lingua como un instrumento electoral. Porén, a lingua é outra cousa.