
Sorprendeume en Madrid, e me apenó moito, a triste noticia da morte de Julio Sacristán, unha persoa nobre, cariñosa, próxima e moi entrañable coa que establecín un vínculo moi próximo na época na que coincidimos como alcaldes, entre o 2011 e o 2015. El xa era por aquel entón todo un veterano.
Fóisenos un home dialogante e profundamente comprometido co seu municipio, Culleredo. E déixame cunha fonda tristeza, pero tamén con gratitude, pola súa entrega e pola relación de respecto e colaboración que fomos capaces de construír, a pesar de militar en partidos diferentes.
Tiven a honra de compartir con el moitas reunións, conversacións e, sobre todo, proxectos. Era unha época na que o da polarización aínda non se inventou e o diálogo era moito máis fluído. No canto de WhatsApp ou Telegram, era moito máis ao uso tomar un café ou compartir mantel. Naqueles anos de dura crise económica, ante a falta de recursos para cumprir con todos os proxectos que tiñamos para mellorar os nosos municipios, optamos por estreitar lazos en temas comúns que levaban moitos anos bloqueados.
Con especial cariño lembro o traballo para pór en marcha a nova depuradora de Bens, unha infraestrutura crave para a calidade ambiental da nosa ría, que simboliza o que debe ser a política: pór o interese xeral por amais das siglas. Aquela obra, complexa e sensible, esixiu diálogo, xenerosidade e visión de futuro. Xullo tiña todo iso. Cun investimento de máis de cen millóns converteuse nun exemplo de cooperación supramunicipal da Coruña con dous alcaldes do PP, Carlos Calvelo, en Arteixo, e Manuel Rivas en Cambre, un do PSOE, o propio Julio Sacristán, e un independente, Ángel García Seoane.
O papel de Xullo foi importante para desatascar algunhas vellas rifas do pasado. Foi dos primeiros que se entusiasmou coa idea de que o seu Concello formase parte do proxecto común que dese servizo a toda a comarca.
A depuradora foi un exemplo, pero tamén falamos moito do aeroporto, da terceira rolda e como non de proxectos sociais que servisen ao seu municipio e ao noso. Desde a discrepancia partidaria, Xullo sempre foi leal. Sancristán era un home tranquilo, que falaba con pausa e escoitaba con atención. Non buscaba titulares, senón solucións. E iso, en política, hoxe en día, é cada vez máis escaso e valioso. Descanse en paz.