
Aaron Sorkin (guionista) lanzou a alerta con David Fincher (director) no 2010. Cando Facebook escalaba posicións para converterse nun xigante da internet e xerar grandes danos en mentes e sociedades, estrearon unha película demoledora, A rede social. Aquel filme contaba a historia do nacemento da plataforma. E lanzaba unha poderosa advertencia sobre as ambicións de Mark Zuckerberg e os seus socios. Gañou tres premios Óscar. Pode verse en Netflix. Deberían de porlla aos alumnos nos institutos.
Aquela historia relátanos unha etapa previa aos peores momentos de Facebook, que obrigaron incluso ao cambio de nome da matriz da rede e de Instagram e de WhatsApp, Meta. Os escándalos do roubo de datos de Cambridge Analytica, claves para o brexit ou o primeiro triunfo de Trump, ou a ocultación de que usala ten efectos negativos na saúde mental viñeron despois.
Contaraos outra vez Sorkin, como guionista e director doutra película. Ten moita munición. Usará como base unha serie de artigos e un prestixioso pódcast do Wall Street Journal, Os arquivos de Facebook. Agardo que teña o mesmo impacto que a anterior. E que trate a fondo o negro papel das redes no mundo. Sen elas, Daddy Donald Trump (así lle chama o seu novo adulador supremo, Mark Rutte) nunca se sentou na Casa Blanca.