Un chute de enerxía

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte celebramos o Día Grande das Letras: un chute de enerxía que se vén manifestando dende que hai uns meses a Academia anunciou que a xornada do 17 de maio, memoria dos Cantares de Rosalía de Castro, estaría dedicada á tradición da música e as coplas populares, ese cancioneiro marabilloso que coma un río que non estiña leva séculos alimentando a vida, transmitindo a súa forza de xeración a xeración, a música dos avós. Nesta ocasión das avoas, deberiamos dicir, pois foron elas principalmente as que souberon manter o lume aceso e lograron que non apagase, malia a revolta dos tempos. As avoas cantábanlle ás fillas e as fillas, logo que foron nais, pasáronnos o facho aos que viñamos detrás, ás veces mesmo sen decatárense, porque as músicas estaban alí como a lingua, arredor de nós. Como as flores ventureiras.

Ningún libro tan significativo como os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro para entender isto. Alí está todo, case poderiamos dicir que alí está o principio do mundo. No ano 1963 facíanse cen anos da primeira edición en Vigo, no obradoiro de Juan Compañel. Tres académicos (Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego, que era o principal motor da iniciativa) propuxeron á RAG a creación dunha festa dedicada ao libro en lingua galega, que viña a ser o recoñecemento do idioma nos eidos da alta cultura, alén da súa existencia na realidade popular e na tradición oral. Elevar o idioma ao territorio do prestixio cultural era unha causa necesaria que cen anos antes iniciaran os Precursores, mais que en 1963, cando a Academia pon en marcha a iniciativa, logo da guerra e a represión da posguerra, case que había que empezar de cero. Poucas iniciativas tan intelixentes e felices coma esta celebración do 17 de maio, que hai tempo rebordou a data e mesmo as fronteiras.

A edición deste ano concibímola coma unha ponte entre xeracións. Hai un salto cualitativo no proceso, que vén cheo de esperanza. Así o queremos reivindicar. Por unha banda, a memoria das avoas ás que acabo de facer referencia, representadas nas mulleres de Cerceda, Malpica e Muxía, e outras moitas que rexistramos no país. O traballo que no seu día fixeron Dorothé Schubarth e Antón Santamarina é impagable. En certa medida, vén culminar unha recolleita que se remonta ao padre Sarmiento e chega aos nosos días. Por outra banda, e en parte alimentándose tamén dese traballo, as novas xeracións: Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Fillas de Casandra, Icía Varela, Adufeiras de Salitre, Faia Díaz, Claudia e Marina…, con traballos previos de Mercedes Peón, Leilía, Uxía, Aturuxo, aCentral Folque, Treixadura, que en moitos casos seguen a sementar. Non quixera deixar fóra a ninguén. Estas son o outro piar da ponte sobre o río, o pulo que nos revitaliza. Nada máis estimulante que este diálogo entre as avoas e as netas. Diferentes maneiras de entender o mundo. Un chute de enerxía.