Bafos para o catarro? De entrada, non

josé luís fernández trisac PEDIATRA

OPINIÓN

Óscar Vázquez

30 ene 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Lin con atención o artigo de La Voz repasando as fórmulas caseiras máis populares fronte ao arrefriado e a gripe. Estes remedios da avoa analizábanse sucintamente, finalizando cada argumentación respondendo á pregunta de se funcionan ou non. Os remedios das avoas pasaron de xeración en xeración sen ningún nivel de evidencia; así, son clásicas as recomendacións de colocar unha moeda nos golpes da fronte para solucionar un croque ou colocar un garavanzo con esparadrapo sobre o embigo para evitar a hernia umbilical. 

En xeral, a sopa de pito, as infusións, o allo ou pór unha cebola no cuarto non deberían ser un problema, sen entrar a valorar a súa contribución para paliar a sintomatoloxía dos arrefriados. Caso á parte merece o utilizar remedios que poidan ser perigosos, como ocorre no caso dos bafos con eucalipto, e é aquí onde me quero deter.

É verdade que a escasa humidade ambiental pode ser prexudicial para as vías aéreas e cando están afectadas por un proceso inflamatorio, como o que producen os virus, pode atrasar a recuperación. De todos os xeitos, en Galicia temos unha humidade ambiental elevada, e é máis frecuente a necesidade de indicar deshumidificadores por causas de saúde. A pesar diso, é unha recomendación que ocasionalmente se segue realizando e creo que se debería ser moi cauto na súa utilización.

As escaldaduras son a causa máis frecuente de queimaduras na infancia, a maioría prodúcense na contorna doméstica, e entre estas, unha porcentaxe non despreciable corresponden ás producidas pola terapia inhaladora con bafos. Todos os anos atendemos no hospital a nenos con queimaduras graves polo seu uso e, en moitas ocasións, acompáñanse de ingresos prolongados, necesidades de cirurxía plástica e secuelas estéticas e funcionais.

Tendo en conta a súa pouca contribución á melloría e que incluso en nenos con procesos de bronquites ou asma poden empeorar, o cociente risco/beneficio da citada práctica está moi desbalanceado cara aos riscos. Bafos para o catarro? De entrada, non.