Anxos

Juan Carlos Martínez MEDIO FERRADO

OPINIÓN

15 ago 2014 . Actualizado á 07:00 h.

Neste mundo variado hai persoas que parecen nacer para amargarnos a existencia e outras que están aquí para alegrarnos a vida. Sempre morren antes os bos. Ou poida que non, pero cando morren os malos dedicámoslles un breve «vaia embora» e aí acábase; cando desaparecen os bos pésanos e fainos pensar.

Acaba de irse Lauren Bacall, aquela fraca belísima que, por emulación dos seus especiais personaxes onda Bogart, deu impulso a unha feminidade distinta, máis libre e atrevida, máis consciente da súa propia personalidade, incluso en países tan afastados do seu como España. Partiu para o infinito Robin Williams -que nos conquistou co seu papel de locutor inconformista en Bos días, Vietnam-, antes de tempo e quizais voluntariamente, nunha demostración máis do terrible paradoxo dos cómicos: moitos dos que máis che fan rir teñen, por vocación, que imporse á súa propia tristeza.

Outro dos bos morreu, con menos fama e máis preto, en Cedeira. Chamábase Julián Rico e era músico. Hai no mundo algunha vocación tan benéfica como a súa? Os músicos falan un idioma universal que non coñece de xuízos nin de parcialidades. Aos anxos, nos pórticos de medievais, representáballos con instrumentos musicais. Os músicos son anxos entre nós. Non deberían morrerse nunca.