Robin Williams, capitán do exceso

César Casal González
César Casal CORAZONADAS

OPINIÓN

12 ago 2014 . Actualizado á 15:24 h.

Se che gusta Meryl Streep e o seu nariz de pito, gústache Robin Williams e o seu nariz de pataca. Os dous locen nas súas películas ao límite. A contención non existe. Entre histéricos e histriónicos. É horrible que Williams morrese pola súa propia man. Como parece. A depresión cando morde deixa ás escuras ao máis luminoso. A vida é rara, e aqueles a quen fixese rir Robin, que os haberá, pensarán que como é posible que alguén que movía á alegría fósese empapado de tristeza. O lastre fatal da pena. Ninguén pode explicar do todo o que sucede nas cabezas, como ninguén pode entender a un corazón convertido nunha granada a piques de estalar. Williams, o actor, ten os seus momentos. Pero sempre parece que non lle chega nin a pantalla grande. Está ben de capitán rabioso do talento adolescente nO club dos poetas mortos. Berra, a súa salsa, con forza en Good morning Vietnam. Tocou o Óscar cO indomable, como o psicólogo que necesita un diván. Pero tamén é culpable de desfacer un mito infantil como Popeye ou, Deus meu, da señora Doubtfire. Estará na historia do cine, como está Chitty Chitty Bang Bang. Agora terá o ceo enteiro para actuar.