
Pascu, que xogou un gran partido, logrou dous dos tantos dos ferroláns, mentres que Álvaro Ramón fixo o terceiro
18 oct 2025 . Actualizado á 20:31 h.O Racing venceu ao Arenas de Getxo por 3-1 no arranque da oitava xornada de liga na Primeira Federación. Os ferroláns xa suman 17 puntos tras oito partidos de liga. O equipo brillou a un gran nivel contra o rival vasco, especialmente en ataque. O choque quedou resolto nos primeiros 20 minutos de xogo, nos que o Racing foi imparable para os vascos. Na segunda parte o equipo verde relaxouse, recibiu un gol e desaproveitou numerosas ocasións de gol. A derrota do Tenerife e Celta Fortuna deixa aos ferroláns con 17 puntos na segunda posición a dous puntos dos canarios.
O arranque de partido do Racing foi espectacular. No seu primeiro ataque, con apenas dous minutos de xogo, unha internada de Pascu, sen que ninguén o free, acaba en gol tras un disparo desde fóra de área. Por primeira vez desde que arrincou na tempada, o Racing adiantábase no marcador xogando na casa. Con apenas cinco minutos de xogo, noutra boa acción de ataque, tras un saque de banda moi rápido, prodúcese un centro David Concha ao segundo pau, que aproveita Pascu para rematar o balón ao fondo da rede, subindo o 2-0 ao marcador e anotando o seu segundo gol no partido.
Ao Racing saíalle xa todo ben e pronto chegou o terceiro gol, anotado por Álvaro Ramón ao aproveitarse dun rexeite. Un 3-0 aos 18 minutos de xogo deixou encabrillado o encontro para os ferroláns, aínda que con moito tempo aínda por diante.

Jon Erice, o adestrador do Arenas, fixo dous cambios, dando entrada no equipo a Colado e Sustatxa. Xa con todo en contra, o Arenas chegou algo máis arriba, sobre todo por algunha perda perigosa do equipo ferrolán, aínda que sen pasar un serio perigo para a portería ferrolá.
O Racing puido marcar case en cada un dos seus ataques. Tivo o cuarto gol á media hora de xogo, aínda que o disparo de David Concha tapouno co corpo o porteiro do Arenas. Os ferroláns, en ataque estiveron especialmente acertados, movendo o balón con velocidade e creando serias ocasións de gol.
Antes de chegar ao final da primeira parte, o Racing enviou outro balón á rede, tras un remate de cabeza no segundo pau por parte de Antón Escobar, aínda que o árbitro non deu validez ao tanto ao estimar que houbo un empuxón do dianteiro racinguista. O Racing tamén reclamou un penalti sobre Antón Escobar, aínda que tras revisar a xogada o árbitro non estimou o penalti e a xogada quedou en córner.
Na segunda parte o Arenas saíu a por todas e controlou o xogo nestes primeiros minutos da segunda metade. Ao Racing tocoulle aguantar en defensa, aínda que o Arenas apenas disparou entre os tres paus.
Aos 57 o Racing dispuxo de dúas grandes ocasións, nun pase atrás o porteiro do Arenas equivócase e dá tempo á chegada de Anton Escobar que golpea o balón, aínda que os estrela no porteiro. O rexeite foi a Pascu que estrelou o balón no traveseiro. Outro gol sería o hat trick do de Santa Pola.
Só dous minutos máis tarde nunha dura entrada a Migue Leal, o árbitro expulsou a Pablo García. Tras a reclamación do adestrador do Arenas o árbitro revisou a acción e cambio a súa decisión, deixando a vermello en amarela, polo que o Arenas seguiu con once xogadores no campo.
Tamén tivo outra grande ocasión Álvaro Giménez, aínda que se lle foi fóra. Ao 84 minutos o Arenas recortou distancias, grazas a un disparo de Sustatxa, que acabou na rede. O equipo de Getxo apertou moito na segunda parte e tivo o seu premio neste gol. Ata o final o Racing dispuxo de ocasións, unha moi boa para Álvaro Giménez, que non aproveitou e outra para Raúl Dacosta que desviou o porteiro co seu pé cando o balón xa ía cara á rede. O Arenas puido facer un segundo gol a vos 90 minutos, aínda que Verde estrelou o balón no traveseiro. Tras esta acción, a afección pediu algo máis a un Racing que se deixou ir na segunda parte.
Ficha Técnica
3: Racing de Ferrol; Miquel Parera; Migue Leal, Edgar Pujol, Saúl, Álvaro Ramón (Artetxe, min 65), Gelardo, Sergio Tejera Gorostidi, min 54), Jairo Noriega (Álvaro Peña, min 5), David Concha (Raúl Dacosta, min 75), Pascu e Antón Escobar (Álvaro Giménez, min 65)
1: Arenas de Getxo. Anartz Peña; Sillero, Paul Álvarez, Mutilva, Pablo García (Galder, min 67); Mtatheus (Álvaro Vázquez, min 72), Borikó (Colado, min 20), Verde, Baba Diocou; Joge Luis (Sustatxa e Lartitegui Troncho, min 46)
Goles: 1-0, min 2 : Pascu; 2-0, min 5: Pascu; 3-0, min 18: Álvaro Ramón e 3-1, min Sustatxa.
Árbitro. José Pradero (Comité cántabro). Amarela a Álvaro Ramon e Sergio Tejera no Racing, así como a Pablo García, Galder e Diocou no Arenas de Getxo.