Racing de Ferrol e Ourense CF empatan un derbi dunha grande intensidade (1-1)

Jose Valencia FERROL / LA VOZ

OPA RACING

KIKO DELGADO

Hugo Sanz adiantou aos ourensáns no arranque do encontro e David Concha logrou o empate para os ferroláns

04 oct 2025 . Actualizado á 22:56 h.

O Racing empatou a un gol fronte ao Ourense CF no primeiro derbi galego da tempada no campo da Malata. Un punto para cada equipo nun partido no que os ferroláns sufriron un calvario na primeira parte, mentres que reaccionaron na segundo fronte a un Ourense que acusou o desgaste da primeira metade. Para os verdes é o segundo empate na casa de forma consecutiva, mentres que ao Ourense o punto seguro que lle sabe a pouco, xa que tivo opcións de gañar o encontro.

O Racing, unha vez máis, non comezou o encontro coa máxima concentración. O Ourense adiantouse no marcador case no seu primeiro ataque, aos 9 minutos, tras un centro de Adrián Guerreiro que aproveita Hugo Sanz, o lateral esquerdo, para enviar o balón ao fondo da rede. Só tres minutos máis tarde, o propio Hugo Sanz perdoou o segundo para o Ourense nun balón tocado de tacón, que saíu rozando a cepa do poste da portería racinguista.

KIKO DELGADO

O equipo de Llácer comezou o partido cunha grande intensidade na presión, polo que o Racing nunca se atopou cómodo no campo.

Os ferroláns chegaron arriba, sobre todo coas internadas de Raúl Dacosta ou Jairo, aínda que sen disparar a portería. Máis perigo crearon os ourensán, cada subida ao ataque, puxo en apertos á defensa racinguista. Parecía máis preto o segundo dos ourensáns que o empate dos ferroláns.

O Racing perdeu todos os duelos fronte a un rival máis intenso no campo e mellor situado.

Antes do descanso, chegando de segunda liña, David Muñoz realizou un gran disparo desde a frontal da área, o porteiro Miquel Parera desviou o balón que acaba estrelándose no pau.

Tres cambios no descanso

No arranque da segunda parte Pablo López introduciu tres cambios no Racing. Deu entrada a Migue Leal, David Concha e Sergio Tejero en lugar de Álvaro Mardones, Álvaro Peña e Álvaro Juan, buscando unha reacción no seu equipo.

Nesta segunda parte o Racing estivo máis intenso, chegou máis en ataque, aínda que sen concretar. O Ourense defendeuse ben, deixou pasar os minutos e buscou un segundo tanto á contra co que sentenciar o partido.

O Racing empatou o encontro aos 60 minutos tras unha gran xogada de Jairo Noriega que cede ao balón a David Concha, quen envía o balón á rede e sobe o empate a un gol ao marcador.

Llácer, o técnico do Ourense CF meteu a Castillo e a Punzano para refrescar o equipo e tratar de frear a un Racing lanzado tras o empate a un gol. 

Pablo López deu entrada a Antón Escobar aos 65 minutos en lugar de Álvaro Giménez, o dianteiro de Nigrán tivo o 2-1 aos 77 minutos de xogo plantouse só ante Rato, aínda que estrelou o seu disparo no corpo do porteiro.

Ata o final o partido puido caer de calquera dos dous lados. Xa co tempo cumprido o Racing pediu unha revisión dunha xogada por un posible penalti a Zalaya, aínda que o árbitro non viu nada punible na acción.

O colexiado engadiu dez minutos de tempo engadido ao derbi e a tensión mantívose ata o final. Houbo unha segunda revisión por un posible penalti na área do Ourense, aínda que o árbitro, de novo, non viu nada punible na acción.

Aos 103 minutos de xogo o árbitro deu por finalizado o derbi con 1-1.

Ficha Técnica

1: Racing de Ferrol. Miquel Parera; Álvaro Mardones (Migue Leal, min 46), Pujol, Zalaya, Álvaro Ramón; Gorostidi, Álvaro Peña (Sergio Tejero, min 46), Jairo Noriega; Álvaro Juan (David Concha, min 46), Álvaro Giménez Antón Escobar, min 65) e Raúl Da Costa (Pascu, min 80) .

1: Ourense CF. Álvaro Ratón; Prado, Carmona, Jelbat, Hugo Sanz; Jerin (Castillo, min 66) Yuste, David Muñoz (Punzano, min 66); Guerreiro (Camus, min 72), Omar (Kensky, min 81) e Amin (Aranzabe, min 81).

Goles: 0-1, min 9: Hugo Sanz; 1-1, min 60: David Concha.

Árbitro: Javier Ruiz Álvarez (Comité Asturiano). Amarelas a Álvaro Peña e Parera polo Racing e a Jerín , Aranzabe e Carmona por parte do Ourense CF.