Audi RS 6 Avant: o tigre de bengala

Por Juan Ares

MOTOR ON

.

Con 630 cabalos, un 0 a 100 km/h en só 3,4 segundos, unhas lamias de 22 polgadas e un peso de 2.000 quilos, este RS6 Avant encarna a potencia e a rapidez, como un tigre na selva de asfalto.

23 jun 2026 . Actualizado á 08:04 h.

L a familia RS de Audi mostra o mellor da marca alemá que creou a moderna tracción quattro para reinar cos seus coches sobre o asfalto. Pero de todos os RS, este é o máis camaleónico, unha especie de Dr. Jekyll e Mr. Hyde, o bipolar personaxe creado por Robert Louis Stevenson. Neste caso, Jekyll e Hyde poden ser un tranquilo pai de familia levando aos seus fillos ao cole, co casco gardado no maleteiro para meterse nun circuíto a continuación.

Baixo o aspecto dunha tranquila berlina familiar, este RS 6 xa mostra un calzado de atleta, con lamias de ata 22 polgadas e a posibilidade de freos carbocerámicos, ademais dunha serie de aditamentos aerodinámicos, como grandes tomas de aireación na súa grella frontal e uns spoiler e difusor traseiros que disimulan os anchos eixos do coche. Por iso, o tranquilo familiar é unha besta parda capaz de funcionar como una catapulta a golpe de acelerador. O adhesivo ambiental ECO no seu parabrisas é unha ironía.

Porque imos pór as cousas no seu sitio: cando te sobes ao posto de piloto, acendes o motor e escoitas o seu ruxido, acórdaste dos días de temporal en Finisterre. O que roxe é un V8 4.0 biturbo que nesta versión Performance rende 630 cabalos, que non se desbocan grazas a un diferencial central autoblocante deportivo, á dirección dinámica e á tracción quattro.

No seu selector de modos de condución Audi Drive, este Performance engade outros dous chamados RS1 e RS2.

As sensacións ao volante son brutais, pero sempre coa seguridade de que todo está baixo control. Oxalá poidamos seguir gozando moito tempo de coches como este Audi RS 6 Avant Performance, que ten un prezo de 169.710 euros.