Peugeot quere deixar atrás o motor PureTech, do que se venderon máis de 5 millóns de unidades, e dar paso ao novo Turbo 100, ofrecendo así unha maior fiabilidade e garantía de uso.
23 jun 2026 . Actualizado á 07:58 h.H hasta en catro ocasiones o PureTech foi elixido mellor motor do ano. Despois viñeron as avarías, coa degradación prematura da correa de distribución e o elevado consumo de aceite. Ambos os problemas rexistráronse sobre todo en motores cuxo uso era case urbano, é dicir, de distancias curtas no día a día. Peugeot púxose en contacto con estes clientes prexudicados por estas avarías para activar o programa Check Plus, que cobre o cento por cento do custo da reparación ata dez anos ou 180.000 quilómetros. Son moitos os motores PureTech que se venderon dentro do grupo e que aínda están a rodar, e poucos (aínda que ruidosos a nivel social) os que fallaron nas estradas europeas.
Aínda así os enxeñeiros, conscientes diso, quixeron pór punto e final ao problema e anuncian agora a chegada do novo motor Turbo 100. Un propulsor redeseñado desde cero en centros específicos de Alemaña, Francia e Italia. Ademais da incorporación dun turbo de xeometría variable para mellorar a resposta a calquera orde de revolucións, o máis rechamante centrarase no cambio da correa pola cadea de distribución de baixa fricción, silenciosa e sen ningún mantemento durante a vida útil do coche, mais alá de tensala. Este motor desenvolve 100 cabalos de potencia e un par motor de 205 Nm.
Tamén se traballou para reducir as emisións, apostando por un sistema de inxección directa de alta presión a 350 bares funcionando baixo o ciclo Miller, e optimizando a apertura de válvulas e a redución de friccións internas.
Outra novidade neste motor foi o programa de validación, con máis de tres millóns de quilómetros percorridos en todo tipo de condicións normais e máis de 30.000 horas traballando sobre un banco de probas. Para ofrecer unha maior confianza ao cliente e baixo a seguridade da eficacia e durabilidade do novo propulsor, Peugeot ofrecerá oito anos de garantía ou ata 160.000 quilómetros. Ao mesmo tempo, anuncia revisións cada dous anos ou 25.000 quilómetros. Este novo motor xa está dispoñible nos modelos 208 e 2008, este último fabricado en Vigo.