Mazda CX-5: sobra espazo

Por Javier Armesto

MOTOR ON

-

Xaponés, con motor de gasolina moi pouco apertado e sen turbo, é garantía de lonxevidade. O Mazda CX-5 gañou en capacidade para os pasaxeiros e a carga, e é un gran coche para viaxar en familia.

17 may 2026 . Actualizado á 05:00 h.

Terceira xeración do Mazda CX-5, un SUV que desde o seu lanzamento no 2012 vendeu máis de cinco millóns de unidades en todo o mundo e que en España ten un notable éxito. De momento chega cunha soa motorización, gasolina atmosférico con microhibridación (basicamente para obter a etiqueta ECO). Unha proposta singular nesta era de coches electrificados ao máximo, aínda que o próximo ano chegará unha versión híbrida enchufable.

O novo CX-5 é 11,5 centímetros máis longo (mide, 4,69 metros), unha distancia que se nota sobre todo o as prazas traseiras, cuxos ocupantes teñen moito espazo para as pernas e poden meter os pés con comodidade baixo os asentos dianteiros (en moitos eléctricos e PHEV é case imposible porque a batería vai debaixo). Para unha familia de catro membros ou con fillos adolescentes é o coche perfecto se queren facer viaxes longos e chegar descansados. O maleteiro tamén aumentou ata os 583 litros de capacidade, e se abatemos os respaldos posteriores supera os 2.000 litros.

O interior adoptou un deseño minimalista, sobre todo no cadro de mandos, presidido por unha gran pantalla de 12,9 ou 15,6 polgadas, dependendo do acabado. O aspecto é moi limpo, porque non hai apenas botóns físicos e as saídas de aire están nunha posición baixa. Chama a atención a panca de cambio tradicional na consola central; o seu guardapolvos de similpiel e algúns plásticos duros desmerecen o bo acabado, que sempre foi unha das insignias de Mazda.

O motor de catro cilindros rende 141 cabalos, 24 menos que a xeración anterior, pero agora é un 2.5 (antes 2.0) e ten máis par a baixo e medio réxime. A aceleración é practicamente a mesma, 10,9 segundos de 0 a 100 km/h. Un dato discreto, pero non botaremos de menos máis potencia en condución normal. A caixa de cambios é automática de seis marchas, con levas no volante. Ao pisar a fondo revoluciónase bastante, despois é silencioso. A suspensión é amable e o abalo en curva contido. Cun consumo combinado de 7,5 litros aos cen (en autoestrada menos de 6 litros), a autonomía achégase aos 800 quilómetros. O prezo parte de 35.000 euros e ata os 43.000 da edición Homura, que inclúe asentos dianteiros eléctricos, calefactados (tamén o volante) e ventilados, faros led adaptativos e tapicería de pel.