A tormenta eléctrica de Audi

Por Juan Ares

MOTOR ON

Audi acaba de renovar a gama do seu deportivo eléctrico e-tron GT, elevando ata 925 cabalos a potencia da versión RS Performance, que o converte así no Audi máis potente da historia.

19 abr 2026 . Actualizado á 05:00 h.

O RS e-tron GT Performance convértese nunha tormenta eléctrica perfecta, cunha potencia brutal e aceleracións dignas dun Fórmula 1.

A gama do Audi e-tron queda establecida en catro modelos: o e-tron GT quattro, con 585 cabalos, é o básico, e despois escálase no S e-tron GT, con 680 CV; o RS e-tron GT, con 857, e o RS e-tron GT Performance, con 925 cabalos, capaz de acelerar de 0 a 100 km/h en só 2,5 segundos e con 592 quilómetros de autonomía. É a primeira vez que Audi engade as siglas RS a un eléctrico.

A nivel de prezos, a gama comeza nos 111.700 euros do e-tron GT quattro e remata nos 166.900 euros do RS e-tron GT Performance.

O concepto do e-tron GT é o dun gran turismo, como desvelan as súas siglas, é dicir, un coche de altas prestacións como deportivo e coa comodidade necesaria para o uso diario ou as viaxes. A súa silueta é moi atractiva, con cinco metros, moi baixo e cun frontal afiado, non en balde loce un coeficiente aerodinámico de Cx 0,25, con entradas de aire a través da carrocería e lamias de 20 polgadas no caso da versión Performance. Ademais conta cun difusor traseiro con aletas verticais moi rechamante, e acabados tanto interiores como exteriores en fibra de carbono.

No interior, o condutor sente como nun coche de carreiras, cunha posición moi baixa que fai que perciba moito o coche en todas as súas reaccións. Pero, ao mesmo tempo, resulta moi cómodo para o día a día, tanto en cidade como na estrada.

No caso do RS e-tron GT Performance, a súa condución resulta adictiva. É un coche que se pode desenvolver ben nun circuíto de carreiras ou en calquera tramo de estrada con curvas. A potencia instantánea é o que máis sorprende: a patada é brutal cando se pulsa o botón vermello do volante (push to pass) e desata a tormenta eléctrica cos seus 925 cabalos. Hai que dicir que o Performance ten un motor de 342 cabalos no eixo dianteiro, mentres que no eixo traseiro empurra outro con 564. O seu baixo centro de gravidade, unido á suspensión pneumática activa, fai que o seu comportamento sexa irreprochable. Por suposto, o Audi Drive Select permite elixir o modo de condución adecuado a cada momento.

Audi conseguiu, ademais, unha autonomía nas súas e-tron GT máis que razoable, con ata 622 quilómetros en condución urbana. O Audi máis potente non decepciona.

A versión de acceso, e-tron GT Quattro, rende 585 cabalos

e costa

111.700 euros