Mazda actualiza estes días o seu recreacional máis vendido. Trátase do CX-5, que xa estrea a súa terceira xeración, despois de lanzarse ao mercado no ano 2012 e vender máis de 850.000 unidades en toda Europa.
15 mar 2026 . Actualizado á 05:00 h.O novo CX-5 é agora máis grande, con 4,6 metros de lonxitude, e tamén máis ancho, con 1,8 metros. Ademais mellora a súa distancia entre eixos, permitindo ofrecer un habitáculo máis amplo, sobre todo nas prazas traseiras.
O seu maleteiro tamén mellorou, mostrando agora capacidades que van desde os 583 litros ata os 2.019 cos respaldos traseiros encartados. Se falamos de lamias, o cliente poderá optar entre 17 e 19 polgadas, e desde o asento do condutor poderá gozar da información do coche proxectada no parabrisas.
Dou estes datos porque, curiosamente, o novo CX-5 é máis grande en tamaño e moito máis equipado que o modelo ao que substitúe, e en cambio o seu prezo redúcese en 2.383 euros e queda agora nos 35.200. Unha cifra que pode baixar ata os 30.995 euros cos descontos que aplicará a marca no seu lanzamento, e incluso cruzar a fronteira dos coches de menos de 30.000 se se financia o coche.
Pero non só se reduciu o prezo no novo CX-5, tamén a potencia. O seu único motor ve como baixa a potencia ata os 141 cabalos. A marca xaponesa equipa agora o CX-5 co motor e-Skyactiv G, que cubica 2.5 litros. Un propulsor que se apoia tamén nun sistema de hibridación lixeira e que traballará conxuntamente coa freada electrónica e a recuperación de enerxía. A súa resposta xa é máis suave que antes e o seu par motor mantense en case todo o seu percorrido, pero é certo que non lle viría mal algún cabalo máis, sobre todo se pensamos nun coche ocupado en todas as súas prazas e circulando por portos de montaña.
A pesar do seu reducido prezo de saída, o Mazda CX-5 preséntase cun alto equipamento de serie, con pantallas no seu interior de 12 ou 15 polgadas conectadas a Google e á súa intelixencia artificial. Os acabados serán: Prime Line, Centre Line, Exclusive Line e Homura. Os clientes poderán elixir tracción dianteira ou tracción integral.
A súa suspensión é agora máis refinada e combina unha maior suavidade cunha mellor estabilidade