Eléctricos a bo prezo

MOTOR ON

MOTOR ON

Parece que os fabricantes se deron conta de que a vía eléctrica hai que empezala por abaixo, con modelos urbanos de pequeno tamaño, ben equipados e con prezos alcanzables, como estes.

21 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A eclosión dos primeiros coches eléctricos produciuse con enormes SUV ou deportivos, pesados e luxosos, con prezos lonxe do alcance da maioría dos compradores.

 Esta política provocou o rexeitamento por parte dos posibles clientes cara á opción eléctrica. Nos últimos meses esa tendencia cambiou e tanto os fabricantes europeos, como os coreanos e ao final tamén as marcas chinesas lanzaron modelos adecuados ás expectativas de compra de moitos clientes. Trátase de coches de ata catro metros de lonxitude, os chamados urbanos, con capacidade para catro ou cinco prazas, cun equipamento e acabados exentos de luxo, unhas autonomías adecuadas ao uso urbano, onde os 300 quilómetros son máis que suficientes e, o que é mellor, con prezos que en moitos casos non acadan os 20.000 euros se se aplican todos os descontos e os plans Moves e autonómicos que agora están dispoñibles en España.

Este tipo de vehículos están a reactivar nos últimos meses o mercado dos coches eléctricos, como proba que en agosto, un mes atípico, matriculásense 7.786 coches deste tipo e que en todo este ano leven contabilizados 70.300 vendas, un 90% máis que o pasado ano. Iso significa que a cota destes coches xa é dun 8,73% do mercado.

Ademais o panorama dos modelos que copan as primeiras posicións en vendas está a evolucionar e do territorio Tesla que tiñamos o pasado ano estamos a ver que modelos como o Kia EV3 ou o Renault 5 empezan a escalar en vendas. E máis que vai ir cambiando o panorama, pois a maioría dos eléctricos que aparecen nesta páxina, con prezos que roldan os 20.000 euros sen axudas, apenas levan uns meses no mercado e non iniciaron o seu despegamento aínda, salvando o Citroën ëC3, o Hyundai Inster e o BYD Dolphin Surf, que xa se atopan entre os dez máis vendidos.

Eel mercado está tan activo que cada semana se producen novas campañas e descontos para afiar as vendas, e ademais os plans de axudas son moi complexos e con Moves e campañas para autónomos pódense rebaixar as cifras que publicamos amplamente. Nas páxinas das propias marcas podemos ver prezos de ata 11.780 euros para un BYD Dolphin Surf ou de 13.980 para un Hyundai Inster. É bo momento para exporse un eléctrico.

MOTOR ON

FIAT 500

Aínda que o seu prezo non é dos máis económicos, o seu carácter icónico permite estas licenzas, aínda que en Fiat xa buscan unha versión de acceso ao eléctrico.

MOTOR ON

DACIA SPRING

Dispútalle a BYD o prezo máis barato, pero o Spring é o gran descoñecido e as súas vendas aínda teñen que remontar. Ofrece potencias de 45 e 65 cabalos e ten versión Cargo.

MOTOR ON

LEAPMOTOR T03

A marca chinesa do grupo Stellantis posiciónase no mercado con prezos moi baixos nun coche de catro prazas cun maleteiro de 210 litros e un carácter moi urbano. Está moi equipado, cunha pantalla de 10 polgadas, teito panorámico e cámara traseira.

MOTOR ON

HYUNDAI INSTER, O MÁIS TOP

O Inster é quizá o modelo barato que se posiciona máis arriba en canto a prestacións e equipamento. Con 95 cabalos de potencia, pode aventurarse polas estradas sen demasiados complexos.

MOTOR ON

CITROËN e-C3

Caracterízase polo seu dinamismo e capacidade para saír á estrada, coa proverbial comodidade que adoitan mostrar todos os Citroën e cunha motorización que lle permite acadar unha velocidade máxima de 135 quilómetros por hora.

MOTOR ON

BYD DOLPHIN SURF

A marca chinesa empeñouse en converter este modelo no eléctrico máis barato do mercado español e chega a fixar o seu prezo con todo incluído en pouco máis de 11.000 euros. Ten tres acabados e versións de motor de 88 e 156 cabalos.