Entre o Mini orixinal, con tres ou cinco portas, e o grande Countryman, a marca do grupo BMW conseguiu adaptar un terceiro modelo intermedio, este Aceman que xa está á venda con prezos que parten dos 37.250 euros e motores eléctricos.
08 dic 2024 . Actualizado á 05:00 h.Este Mini Aceman mide 4,08 metros de lonxitude, é dicir, 36 centímetros menos que o Countryman, que se converteu nun SUV compacto, e só 4 centímetros máis que o Mini cinco portas. Por tanto, o Aceman, con 300 litros de maleteiro, supón unha terceira vía na familia Mini.
No que realmente se diferencia dos seus irmáns pequenos é en que só dispón de motorizacións eléctricas, o que converte este modelo na opción máis urbana da marca, con posibilidade de entrar nas zonas de baixas emisións.
TRES VERSIÓNS
A gama Aceman configúrase con tres diferentes motorizacións. A básica S, cuxo prezo é de 37.250 euros, incorpora unha batería pequena de 38,5 kWh cun motor de 184 cabalos que lle concede unha autonomía de 309 quilómetros. A versión intermedia é a SE, que xa incorpora unha batería de 49,2 KWh, cunha potencia de 218 cabalos e unha autonomía máis ampla que acada os 405 quilómetros. Ademais, o Aceman lucirá unha versión JCW (John Cooper Works), como non podía der doutro xeito, a máis potente, con 258 cabalos, aínda que neste caso a autonomía descende aos 356 quilómetros.
O Aceman conta coa máxima tecnoloxía de conectividade do grupo BMW, manexada desde a súa ampla pantalla central redonda de 24 polgadas, toda unha icona de Mini, que agora se pode xestionar por voz.
Os prezos cos que xa está á venda son 37.250, 40.850 e 50.050 euros para as versións S, SE e JCW, respectivamente. O Mini Aceman axudará á electrificación da marca.
A pantalla central de Mini, redonda de 24 centímetros de diámetro, é única no mundo