Countryman: o SUV compacto de Mini electrifícase

Por Juan Ares

MOTOR ON

-

Con 4,43 metros de longo, o Mini Countryman convértese no coche máis grande da marca, un auténtico SUV compacto con carácter minimalista, de deseño coidado, con motores eléctricos e de combustión, e prezos desde 39.600 euros.

21 abr 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A verdade é que o Countryman converteuse nun mangallón, co seu 1,65 de altura e cunha distancia entre eixos que beneficia moito ao espazo interior.

Hai que resaltar tamén que este novo Countryman apunta cara á electrificación con dúas variantes, Countryman E e Countryman SE ALL4. A primeira opción ten un motor de 150 kW (204 cabalos), co que acelera de 0 a 100 km/h en 8,6 segundos e obtén unha velocidade máxima de 170 km/h, cunha autonomía de 462 quilómetros. A segunda opción, a SE ALL4, ten dous motores, un en cada eixo, que o converten nun tracción total. Esta versión dispón de 230 kW (313 cabalos) e a autonomía declarada é de 433 quilómetros.

Á marxe destes motores eléctricos, o Countryman dispón de eficaces motores de gasolina. Pódese elixir entre o Countryman C, con tracción dianteira e 170 cabalos; o Countryman S ALL4, de tracción total e con 218 cabalos, e o poderoso Countryman John Cooper Works ALL4, de 300 cabalos. Para rematar hai unha versión diéseis, Countryman D, de 163 cabalos con microhibridación.

DESEÑO PARA PURISTAS

Pero quizais o máis destacado deste novo Countryman —por certo, o primeiro Mini feito en Alemaña— é o seu estilo, que como se pode apreciar nas fotos é diferenciador, único e para puristas. A vista exterior agora é máis rotunda, con teitos bicolor e un marcado piar C moi orixinal. Os pilotos traseiros máis verticais, tamén achegan o seu toque á vista traseira.

O do interior é outro mundo, Mini rizou o rizo e é absolutamente orixinal, moi minimalista, coa pantalla central OLED redonda, onde acumula toda a información do coche, que leva proxección de datos no parabrisas como única información diante do condutor. A condución do Countryman continúa co ADN Mini, con tacto de kart e sensacións precisas.

O deseño interior é moi orixinal grazas á pantalla OLED central redonda, a única do mercado