Un Kona máis familiar

MOTOR ON

-

A primeira xeración do Kona chamou a atención polo seu nome e o seu deseño. A segunda creceu en tamaño e agora ten máis espazo para os pasaxeiros e un maleteiro con maior capacidade. A versión híbrida é moi equilibrada, tecnolóxica e parca en consumos.

16 sep 2023 . Actualizado ás 21:53 h.

Lanzado no 2017 e actualizado no 2021, este ano chegou a segunda xeración do Hyundai Kona. Crece en todas as súas cotas, especialmente en lonxitude, pasando de 4,21 a 4,38 metros, pero tamén en anchura e altura. O resultado é un coche máis amplo por dentro, que agora pode acomodar perfectamente a unha familia aínda que os fillos xa sexan adolescentes e necesiten máis espazo para as pernas. A distancia ao teito é notable, polo que as persoas máis altas viaxarán moi desafogadas. Por outra banda, o Kona é un SUV auténtico, é dicir, non é un adaptación dun modelo xa existente ao que se lle deu un aspecto máis campeiro. A carrocería sepárase 17 centímetros do chan e nótase porque é máis cómodo á hora de montarnos nel.

Exteriormente, o novo deseño segue a liña do seu irmán maior, o Tucson, con pasos de roda cadrados e pliegues diagonais nos laterais que rompen a uniformidade. Os grupos ópticos (faros e pilotos) seguen estando nunha posición baixa, e as luces de día led son agora senllas tiras que van de lado a lado no capó e o portón traseiro. Un detalle elegante é como a liña inferior dos portelos elévase ao chegar ao terceiro alicerce ata fusionarse co alerón que remata o teito.

O cadro de mandos sufriu tamén unha gran transformación. En sintonía coas tendencias máis modernas, o cadro de instrumentos e a pantalla multifunción son dous paneis dixitais situados sobre unha mesma superficie panorámica alongada. O cambio de marchas vai integrado na columna de dirección, o que permite despexar a consola central, e en xeral o deseño é moi limpo e ordenado. O acabado N Line inclúe ademais algunhas chiscadelas de deseño ás versións deportivas de Hyundai, como unhas molduras pintadas de vermello ou as alfombrillas e o volante co logo gravado. En canto ao maleteiro, agora cubica 466 litros, case cen máis que antes, o que permite levar moito máis equipaxe cando imos de viaxe.

O Kona híbrido combina un motor de gasolina atmosférico, de catro cilindros e 105 CV, e outro eléctrico que rende o equivalente a 44 cabalos. A potencia total son 141 CV e o peso aumentou moi pouco (uns 50 quilos) respecto ao modelo anterior —moito máis pequeno—, conseguindo ademais reducir o consumo medio combinado ata 4,7 litros aos 100 quilómetros. O nivel de rexeneración da batería cando deixamos de acelerar pódese regular mediante unhas levas no volante, pero por defecto sempre se frea un pouco ao levantar o pé do pedal.

É un coche que roda suave e silencioso, especialmente en cidade, onde pode aproveitar para circular en modo cento por cento eléctrico en determinadas circunstancias. Na estrada, se pisamos a fondo o acelerador notaremos como se revoluciona un pouco e é que ao non ter turbo necesita elevar o réxime de xiro do motor para aumentar as prestacións. Hai tres modos de condución, Eco, Sport e Neve, e a suspensión é suficientemente amable: non é un coche deseñado para conseguir un paso rápido por curva.

O control de velocidade de cruceiro adaptativo con mantemento de carril funciona de forma moi eficiente e precisa, recoñecendo moi ben os límites da estrada e realizando micro correccións para manter o vehículo na trazada correcta. Entre os sistemas de axuda á condución destacan o recoñecemento de sinais de tráfico con asistente de velocidade intelixente e o detector de aención do condutor; ambos emiten un sinal acústico de aviso que se pode desconectar, pero reiníciase cada vez que arrincamos o coche.

Os prezos do Hyundai Kona híbrido parten de 32.000 euros, 2.000 máis no caso do acabado N Line.

O sistema de mantemento de carril é moi preciso e eficiente