Ao comezo do milenio, as aulas universitarias estaban fartas de mulleres que sacaban as mellores notas; e con todo, o emprendemento era cousa de homes. Por iso creouse Woman Emprende baixo a coordinación de Eva López Barrio, que daba o perfil por coñecer tanto o campo académico como a empresa privada. En quince anos, o emprendemento feminino pasou dun 26 a un 40%.
16 dic 2018 . Actualizado á 05:08 h.Eva López Barrio (Escairón, 1969) estudou Ciencias Económicas na USC, onde posteriormente fixo un máster en Dirección e Xestión de Comercio e doutorouse en Economía Aplicada. Os seus primeiros pasos no mundo laboral deunos na empresa privada, por iso cando se creou Uninova (Iniciativas Empresariais Innovadoras) no Polígono do Tambre de Santiago, ela deu o perfil adecuado «porque coñecía o mundo académico e tamén o da empresa privada». Desde que a principios do 2000 creouse Woman Emprende, é a coordinadora do programa.
-Con que obxectivo naceu Woman Emprende?
-O obxectivo é asesorar ás mulleres universitarias que queren crear unha empresa, pero tamén colaboramos coa Secretaría Xeral de Igualdade, que a través do programa Emega ofrece axudas a emprendedoras para que cren empresas fortes, que se consoliden e xeren emprego.
-Por que viuse esa necesidade?
-A Universidade de Santiago non é unha politécnica; por aquela época, estamos a falar ao redor do 2004, xa había unha maioría de mulleres nas aulas, e xa con mellores notas. Pero na incubadora que se creou a través de Uninova, a maioría das empresas estaban promovidas por homes, porque a universidade non é un ente illado da sociedade e o emprendemento é un mundo moi masculinizado. Foi necesario facer unha reflexión cara a dentro e incorporar a perspectiva de xénero, que non é só unha cuestión feminina. Por exemplo, deixar de entender o emprendemento feminino como unha extensión do dos homes. Non ten por que ser así, as mulleres poden crear empresas ambiciosas. Aprendemos a aplicar metodoloxías para corrixir as imaxes ou a linguaxe.
-Como que?
-Por exemplo, nomear nunha charla a Carmen Pampín, conselleira delegada de Galchimia, no canto da Steve Jobs. E fálase de que a muller corre menos riscos, pero é que a prudencia tamén pode ser algo positivo. Hai estereotipos asumidos que repercuten no emprendemento, pero tamén é verdade que, por exemplo, a forma de liderar das mulleres é horizontal, son máis colaborativas e iso funciona moi ben nas empresas creadas na universidade, as redes de contacto son diferentes. Pero case non hai mulleres nos consellos de administración nin no Ibex 35, nin chega ao 20% as que están na dirección das empresas, e iso que son maioría as que estudan Administración e Dirección de Empresas e as que sacan as mellores notas.
-Cre que se acadará a igualdade ou é unha quimera?
-A igualdade xa tiña que chegar, pero a igualdade non é un acto espontáneo, ten que ser intencionado. Queda moi ben no discurso, pero o poder conquístase, o que pasa é que o home non quere cedelo, non está disposto.
-Quince anos despois é vostede optimista?
-Si, sempre hai que ser optimista, estas accións van cambiar o mundo. O 8 de marzo foi un movemento imparable e non creo que quede só nunha data. A pesar de iso, a sociedade patriarcal sempre brota, non hai máis que ver como os políticos utilizan á muller. E preocúpanme esas enquisas nas que os máis mozos perciben actitudes de acoso como algo normal.
Eva López axudou a crear en quince anos preto dun centenar de empresas a través de Woman Emprende. | paco rodríguez
«Silicon Valley vendeu un estereotipo de programador que é masculino»
O pasado día 14, a Secretaría Xeral de Igualdade e Woman Emprende organizaron un encontro de emprendedoras que forman parte do programa Emega da Xunta, e Eva López está máis que satisfeita co resultado: «Inscribíronse 70 emprendedoras, porque cando a muller di que si, é si».
-O encontro coincidiu con outras xornadas na que se reflexionou sobre como animar ás alumnas para emprender carreiras tecnolóxicas. Non lle preocupa que sexan tan poucas as que o fan?
-En realidade paréceme un milagre que haxa mozas que opten polo bacharelato tecnolóxico, porque está estereotipado. Silicon Valley vendeu un estereotipo de programador que é masculino, moi agresivo. Os valores femininos son diferentes e non os teñen só as mulleres, téñenos tamén moitos homes e eles tamén se senten excluídos. Creo que iso é perigoso incluso para o propio sector, porque se coloca á marxe da maioría da poboación. Daquela as empresas non dan cuberto as prazas e non dan cos perfís adecuados, e as mulleres non estamos. E ademais, quen xera os contidos? Ti inclúes nun buscador determinadas palabras e teñen nesgos de xénero, os propios algoritmos teñen nesgos de xénero porque quen programa está estereotipado. Amazon tivo que corrixir unha campaña na que buscaba persoal e na que utilizou a intelixencia artificial a través dun algoritmo, e esqueceu de pór que se podían presentar mulleres; foi o propio algoritmo o que as excluíu, pero foi alguén o que o creou.
-Hai un perfil de muller emprendedora?
-Non hai un único perfil, pero si que se dá ese proceso de socialización do que falabamos.
-Como valoran o éxito destas actuacións?
-O éxito pódese valorar de moitas formas, porque está tamén o triunfo persoal. Creas unha pequena empresa -nós somos partidarios de que sexa un equipo- que non ten por que ser un proxecto superambicioso que vaia saír a Bolsa, pero se cadra na súa contorna dá un servizo adecuado, e iso é unha empresa exitosa. O éxito non se mide só en resultados económicos.