Materias primas de orixe aínda ignorada

La Voz

TRIACASTELA

29 ago 2015 . Actualizado á 05:00 h.

Os artefactos líticos de orixe neandertal descubertos no xacemento de Cova Eirós a campaña deste ano, do mesmo xeito que nas anteriores, están fabricados na súa maioría con dous tipos de materia prima. Unha parte deles talláronse en cuarzos de boa calidade, que -segundo se comprobou- proceden de cantos rodados que foron recollidos en ríos situados a poucos quilómetros da cova. Máis difícil é pescudar a orixe doutras pezas que se fabricaron cun tipo de cuarcita que non se atopa de forma natural nesta zona. Os investigadores aínda non conseguiron determinar a súa procedencia.

Estas cuarcitas, segundo explica Artudo de Lombera, pertencen a unha variedade de mineral composta de grans finos que permite unha gran sofisticación na talla. Este material -engade o arqueólogo- parécese moito ao que se utilizou para fabricar gran parte dos artefactos descubertos no xacemento do monte de Valverde, en Monforte. Tal industrias son moi posteriores ás de Cova Eirós, xa que se dataron no período Solutrense -entre fai 22.000 e 17.000 anos- e non son obra dos neandertales, que xa se extinguiran nesa época, senón do Homo sapiens. Os arqueólogos determinaron no seu momento que estas cuarcitas de gran fino proceden dun afloramento natural situado no lugar de Costa Grande, que se atopa tamén no municipio de Monforte, a poucos quilómetros de Valverde. «Xa se comprobou que as cuarcitas de Cova Eirós non proveñen de Costa Grande, aínda que son dun tipo moi similar», sinala De Lombera.

En Triacastela houbo onte unha conferencia divulgativa

Os responsables do proxecto «Ocupacións humanas durante o Pleistoceno da conca media do Miño», no que se encadran as escavacións de Cova Eirós -que este ano contan por primeira vez con financiamento da Xunta-, combinou a actual campaña arqueolóxica con conferencias divulgativas dirixidas aos veciños de Triacastela e dos municipios próximos. Para onte estivo prevista unha charla que se ofreceu ás sete da tarde no centro social Fonte do Lunar, situado onda a casa do concello. A arqueóloga Olalla Prado falou sobre as diferenzas e semellanzas no gasto enerxético por parte dos neandertales e os Homo sapiens.

Desde que empezou a actual campaña arqueolóxica -o pasado día 5- organizáronse neste mesmo lugar outras conferencias. Unha delas dedicouse ao conxunto de arte prehistórica descuberta en Cova Eirós e a outra, ao importante papel dos fósiles dos animais de pequeno tamaño no estudo dos climas prehistóricos.