As escavacións de Cova Eirós achéganse a unha época descoñecida

Francisco Albo
francisco albelo MONFORTE / LA VOZ

TRIACASTELA

ROI FERNÁNDEZ

Os arqueólogos empezan a achar rastros que superan os 118.000 anos

29 ago 2015 . Actualizado á 05:00 h.

O vindeiro luns darase por rematada a novena campaña de escavacións de Cova Eirós, en Triacastela, que aínda que non proporcionou achados espectaculares como os doutros anos, serviu para obter unha gran cantidade de materiais arqueolóxicos e supuxo un importante avance no estudo deste xacemento paleolítico. Por unha banda, ao longo deste mes recolléronse preto de 1.800 pezas arqueolóxicas, que comprenden artefactos líticos e restos fósiis de animais. «En canto a cantidade, esta é unha das campañas máis ricas desde que se iniciou o proxecto», apunta Arturo de Lombera, codirector dos traballos.

Por outra banda, os investigadores acadaron a base do nivel arqueolóxico máis antigo rexistrado ata o de agora na cova, que corresponde a ocupacións do home de Neandertal datadas fai uns 118.000 anos. Isto significa que nas escavacións que se fagan en diante nesa parte da gruta poderanse obter rastros de épocas máis antigas, das que ata o de agora non había ningún rexistro no xacemento. «Polo que estamos a ver, parece que a capa de terreo situada por baixo desta será menos abundante en pezas arqueolóxicas que as outras que escavamos ata o de agora, pero os indicios que temos apuntan a que nese período máis antigo a cova tamén foi ocupada por grupos humanos», explica.

O arqueólogo considera que o máis probable é que os rastros que poidan ir aparecendo nas próximas campañas tamén corresponderán a ocupacións neandertales. «É posible atopar este tipo de tecnoloxía en xacementos de ata uns 300.000 anos de antigüidade», comenta a este respecto. Durante esta campaña, doutra banda, seguiuse explorando un nivel máis recente -duns 84.000 anos-, no que se obtiveron moitas industrias de orixe neandertal. Por agora, os investigadores non deron unha nomenclatura propia a este nivel arqueolóxico máis profundo que só se empezou a examinar, e ao que lle correspondería levar o número 5.