Un lugar que se converteu no gran referente da prehistoria antiga en Galicia

La Voz

TRIACASTELA

13 ene 2015 . Actualizado á 05:05 h.

Nas negociacións coa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, os responsables do proxecto arqueolóxico fan fincapé na excepcional importancia que adquiriu Cova Eirós como xacemento de referencia para a investigación do Paleolítico no noroeste ibérico. «Hai que ter en conta que este lugar é o único de Galicia onde se puido documentar a transición entre o Paleolítico Medio e o Paleolítico Superior, é dicir, entre o home de Neandertal e o Homo sapiens moderno», explica Arturo de Lombera. A iso súmase o feito de conter as únicas mostras de arte rupestre paleolítica coñecidas ata o de agora en Galicia.

Os investigadores insisten na importancia de seguir desenvolvendo de forma continuada os traballos de campo, que constitúen o eixo principal de todo o proxecto. No subsolo da cova, segundo as súas estimacións, hai traballo pendente para varios anos, xa que as sondaxes indican que os niveis arqueolóxicos situados por baixo dos xa escavados conteñen unha gran cantidade de artefactos líticos e fósiis. Doutra banda, aínda falta por examinar a fondo un terzo das galerías interiores onde se descubriron os conxuntos de arte paleolítica, que poderían encerrar máis pinturas e gravado.

Unha complexidade crecente

Os achados de Cova Eirós, apunta por outra banda De Lombera, indican a crecente complexidade que foi adquirindo o proxecto desde que se puxo en marcha. Os primeiros traballos realizados no 2006 consistiron en prospeccións sobre o terreo nos arredores de Monforte, onde se atopou un gran número de industrias líticas. Máis adiante fóronse abrindo outras frontes moi frutíferas, como son as escavacións de Cova Eirós e da cova de Valdavara. Os traballos de campo neste último xacemento xa se pecharon, pero o estudo de laboratorio dos numerosos materiais obtidos segue en marcha. Segundo De Lombera, «é precisamente agora cando este proxecto está a empezar a producir uns resultados científicos importantes, porque nestes nove anos conseguiuse reunir unha base material moi boa». Se este ano houbese que cancelar as escavacións de Cova Eirós -engade o arqueólogo-, o conxunto do proxecto sufriría un parón moi inoportuno nun momento no que empeza a lograr unha notoriedade internacional.