Manuel Sangil, presidente da SD Sarriana: «A publicidade na camiseta reporta á Sarriana un total de 200.000 euros»
SARRIA
O máximo mandatario do club analiza a actualidade neste inicio de liga
17 oct 2025 . Actualizado a las 17:47 h.Non se entendería a SD Sarriana sen a presenza de Manuel Sangil. O presidente asumiu a dirección do club nun momento crítico e foi quén de levalo dende a última categoría do fútbol galego ata a Segunda Federación como concelleiro e como máximo mandatario. E todo, nun tempo récord. Foron moitas horas de traballo, alegrías e desgustos, pero, según o mandatario, mereceu a pena. A pesar dun inicio titubeante, o equipo entonouse, e despois de seis xornadas de competición, a Sarriana ocupa a oitava praza da táboa clasificatoria da Segunda Federación con nove puntos.
—Está sorprendido polo arranque da tempada?
—Sorprendido non, porque tiven claro dende o primeiro momento que contamos cunha plantilla e un corpo técnico de moito nivel. Pero teño que dicir que unha das causas deste bo inicio hai que buscala nos futbolistas que chegaron cedidos. Déronlle un plus ao equipo e iso reflíctese nesta boa dinámica que levamos.
—Polas súas verbas enténdese que de non vir cedidos sería complicado aspirar a estes xogadores, verdade?
—Está claro que non sería doado. Temos seis futbolistas que chegaron cedidos doutros clubs, dos que cinco son titulares e, como comentei, dannos un plus engadido. No primeiro ano que estreas categoría tes que optar por esta fórmula de cesións, porque a maioría de futbolistas prefiren fichar por clubs de cidades máis grandes e consolidados. Os clubs cos que temos colaboración son Lugo, Deportivo e Arenteiro
—Pódese dicir que hoxe a Sarriana xa ten o seu peso no fútbol galego?
—Por suposto que si. A Sarriana é un club respectado no fútbol galego. Para nós esta tempada é fundamental, porque se somos capaces de lograr a permanencia e consolidarnos nesta Segunda Federación, estou convencido que estaremos moitas tempadas na categoría. Por iso, é esencial manternos.
—Non se entendería a Sarriana sen Manuel Sangil.
—Cando o club comezou na Terceira Futgal con Ángel Tourón na presidencia eu era concelleiro de Deportes, e xa como presidente fíxenme cargo do equipo na Primeira Futgal, logrando co grupo que encabezo o ascenso á Segunda Federación en poucos anos. Foron tres ascensos.
—E onde estivo o segredo?
—Ascender á Preferente é algo lóxico para a Sarriana, porque para unha vila como Sarria, esta é a súa categoría natural. É o mínimo. O ascenso á Terceira xa foi máis complicado, pero lográmolo á segunda, igual que este último a tempada pasada.
—Que orzamento teñen esta campaña na Segunda Federación?
—O noso orzamento está entre os 600.000 e os 700.000 euros. Telo que agradecer o apoio das empresas de Sarria e da súa comarca. A publicidade na camiseta do primeiro equipo repórtanos un total de 200.000 euros. E despois hai que agradecer tamén ás institucións que se comprometeron co club. Todas deron un paso adiante. E a isto hai que sumar as achegas da masa social. Superamos o millar de socios.
«Somos auténticos embaixadores da vila e da comarca»
Unha das materias pendentes son as instalacións. En poucos meses levaranse a cabo obras no estadio de Ribela —non hai que esquecer que a Federación Española de Fútbol concedeu unha prórroga dunha tempada para acometer estas actuacións—. Pero Manuel Sangil, que agradece o esforzo das administracións, reivindica que Sarria teña dous campos de fútbol: un sintético e outro de herba natural.
—Parece que o das obras da Ribela vai bastante despacio, non si?
—Confiamos que no parón de Nadal levaranse a cabo as obras previstas. Se non son todas, unha parte. De feito, dende o Concello están a punto de licitarse. Pero agradecendo o respaldo das institucións para levar a cabo esta actuación, teño que dicir que Sarria necesita dous campos de fútbol: un de herba artificial e o outro de herba natural. Concellos como Monforte, Viveiro, Vilalba, Monterroso, Taboada e Pol teñen dous, e por que nós non podemos contar coa mesma infraestrutura. Iso si, dadas as cuestións urbanísticas da vila, entendo que para o segundo habería que buscar unha nova ubicación.
—Cal será o investimento nestas actuacións do campo de Ribela?
—Estamos falando de 800.000 euros.
—O feito de competir por diferentes vilas e cidades de España fai que en moitos casos teñan que pernoctar. Supón isto un desembolso importante para as arcas da Sarriana?
—Nalgúns desprazamentos viaxamos no día, pero na maioría hai que pernoctar e comer. Estamos falando de que cada desprazamento supón un desembolso de 3.000 euros.
—Fai pouco viviron unha xornada histórica en Ribela coa visita de todo un Numancia, ao que gañaron con remontada incluída.
—Así é. Foi un día histórico. A xente gozou co espectáculo, porque remontamos. A Sarriana e o Camiño de Santiago son actualmente os dous embaixadores de Sarria. Nos desprazamentos que fixemos moito se fala da nosa vila, e estou convencido que será un reclamo para que aínda veña máis turismo á comarca. E teño que dicir que a presenza da Sarriana nesta Segunda Federación dinamiza a economía da vila, sobre todo no sector da hostalería e hoteleiro, sen esquecer o do comercio.
—Que mensaxe lle traslada á afección?
—O primeiro é darlle as grazas polo apoio que nos brindan sempre. Animo aos afeccionados a que continúen nesta liña, porque esta Sarriana vai dar moitas tardes de gloria. É un luxo para Sarria estar na Segunda Federación.