A Xunta declara BIC a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que se celebra cada ano en Lugo

a voz LUGO

LUGO CIUDAD

Imagen de la Ofreda del 2022, a cargo del entonces alcalde de Santiago
Imaxe da Ofreda do 2022, a cargo do entón alcalde de Santiago Rebeca Fernández

A cita deste 2025 será este domingo 29 de xuño, sendo o oferente a cidade de Betanzos

24 jun 2025 . Actualizado á 12:22 h.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou este luns 23 de xuño o decreto que declara Ben de Interese Cultural (BIC) a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que se celebra en Lugo cidade desde 1672, ao considerar acreditado «ou seu valor sobranceiro» como patrimonio inmaterial do pobo galego, o que supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, por tanto, o maior nivel de protección.

Esta declaración chega tras recibir os informes favorables dos catro órganos aos que se lles solicitou: o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e a Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, no proceso de exposición pública para o seu recoñecemento non se rexistrou ningunha alegación.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude culmina a tramitación iniciada no 2024 para outorgar esta distinción a unha tradición que se celebra en Lugo desde hai máis de tres séculos de forma ininterrompida, salvo no ano 1809 por atoparse a cidade en poder dos franceses, reunindo a representantes das sete cidades do Antigo Reino de Galicia e das cinco dioceses galegas existentes.

O decreto recoñece á Ofrenda do Antigo Reino de Galicia como un caso singular dentro da cultura e o patrimonio inmaterial de Galicia ao expor de forma única unha tradición secular dos galegos e galegas, así como a evolución da súa unidade como pobo. Consecuentemente, coa súa declaración como Ben de Interese Cultural tense en conta que se trata de «unha celebración na que toda Galicia se ve representada», xa que «se xunta a parte civil e a eclesiástica» nun só evento que supón ademais un dos últimos expoñentes deste histórico Reino.

Tal e como explicou o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, a declaración BIC da Ofrenda implica «varias recomendacións para garantir a protección e transmisión desta cerimonia única», destacando que se debe «incrementar o volume de investigacions e rexistrar e sistematizar os documentos relacionados co patrimonio».

Marco histórico e espacial

Anualmente, o domingo seguinte ao Corpus Christi ten lugar en Lugo un acto institucional e relixioso no que participan os mandatarios dos antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que se cumpre co voto solemne feito no ano 1669 —ante as dificultades económicas da Catedral de Santa María— de dotala cunha renda anual para iluminar o Altar Maior.

Desde 1925 ata os nosos días, o rito da Ofrenda celébrase do mesmo xeito, nunha misa solemne na que participan por quendas rotatorias anuais os representantes municipais das sete cidades. Precisamente, no decreto recóllese como un aspecto destacado que a Ofrenda abarca historicamente a toda Galicia, e non só a unha localidade concreta. Neste ano 2025 tócalle a quenda este domingo 29 de xuño á cidade de Betanzos.

Ademais, tamén se resalta que se adapta perfectamente á definición que dá a Unesco para salvagárdaa do patrimonio cultural inmaterial ao reflectir un uso ou expresión que un grupo de individuos recoñece como parte integrante do seu patrimonio cultural, transmitíndoo de xeración en xeración, sendo celebrado constantemente por unha comunidade, supondo unha interacción coa súa historia e difundindo un sentimento de identidade e continuidade.

Debe subliñarse que se trata dunha tradición ligada á Catedral de Lugo, un ben incluído singularmente na declaración dos Camiños de Santiago do Norte de España como Patrimonio da Humanidade desde o ano 2015 polos seus extraordinarios valores artísticos, históricos e culturais, que mantén o privilexio papal da exhibición permanente do Santísimo Sacramento.

Calvo destacou que con esta declaración «xa son 788 os Bens de Interese Cultura en toda Galicia». Deles, 115 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobrancero da Comunidade.

Medidas de salvagarda

O decreto aprobado hoxe polo Goberno galego tamén recolle a conveniencia de proceder ao rexistro e sistematización de documentos relacionados con este patrimonio para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa e garantir a súa preservación futura, ao mesmo tempo que pon en valor que se trata dun uso social, ritual, cerimonia e acto institucional únicos.

En todo caso, hai que destacar que existen investigacións publicadas sobre a manifestación inmaterial da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia con certa entidade, o que a converte nunha das cerimonias que máis estudos monográficos rexistrou na Comunidade Autónoma de Galicia.