O Centro Cultural Forges da Fonsagrada opta aos Premios Arquitectura 2025 do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España

A FONSAGRADA

O COAG xa destacou en varias ocasións as cualidades do edificio que foi casa do concello e que se dedica ao famoso humorista gráfico español
13 may 2025 . Actualizado á 18:38 h.O Centro Cultural Forges que se constrúe na Fonsagrada, deseñado polo arquitecto Daniel Gómez Magide, non para de recibir recoñecementos pola súa calidade artística. Se hai un ano o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) púxoo como exemplo de boas prácticas arquitectónicas, agora este edificio foi seleccionado para optar aos Premios Arquitectura 2025 do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.
Os motivos polos que foi seleccionado (en Galicia son 11 edificios) é «polo exercicio de tranquilidade arquitectónica xerado nunha parcela constrinxida e na que resulta difícil non recargar o espazo orixinal habitable dun condominio de moi escaso tamaño». Ademais, destácase que «o proxecto promociona uns percorridos libres que se alixeiran desde a rúa ata chegar ao patio interior, sen querer intercalar máis arquitectura que a xa existente». E pon en valor «o voluntario anonimato arquitectónico, que é necesario para poder alixeirar a pequena escala e así chegar a albergar e valorizar entre outros usos o dunha colección artística como a proposta do histórico debuxante Antonio Fraguas Forges».
Así é o proxecto
A antiga casa do concello da Fonsagrada, en desuso desde o ano 2015, convértese nun espazo cultural no cal o Concello poderá mostrar a colección que lle foi doada polo debuxante Antonio Fraguas Forges tras o seu falecemento.
A proposta para o Centro Cultural Forges, «afonda nalgúns dos conceptos clásicos de intervención no patrimonio construído», sinalan os autores do proxecto, que se tiveron que enfrontar a un edificio no que houbo sucesivas reformas «que xogaron en contra das lóxicas orixinais da construción».
Por este motivo, e é o que se está facendo agora, leva a cabo un traballo de limpeza e de consolidación dos elementos estruturais deteriorados. «Deste modo, recuperase o patio orixinal da construción, que se acaba de conformar coa aparición dunha nova fachada formada por elementos estruturais de madeira, que funciona ademais como dispositivo de control e captación solar».
No interior, os autores do proxecto aproveitarán os muros de cachotería preexistentes para desenvolver o programa de necesidades do modo máis elemental posible.