
O equipo de Yago Iglesias deixa boas sensacións en Monforte de cara ao comezo de liga
22 ago 2025 . Actualizado á 12:11 h.O CD Lugo pechou a pretemporada cun triunfo pola mínimo (1-0) ante a VDE Ourense. E fíxoo nun campo da Pinguela bastante irregular, unha circunstancia que condicionou, sobre todo o xogo dos albivermellos.
A igualdade foi a tónica dominante nos primeiros compases do encontro, pero a medida que foron pasando os minutos, o Lugo fíxose co control do encontro. A escuadra de Yago Iglesias xerou perigo sobre todo pola banda dun Lago Júnior, que, sen dúbida, foi o mellor dos albivermellos.
De feito, a primeira grande ocasión dos lucenses naceu das súas botas. Júnior foise por velocidade pola banda e a súa asistencia rematouna chegando desde a segunda liña Txus Alba. O remate foise alto. Foi no minuto 24, e tres minutos despois tivo outra ocasión o Lugo cun remate de Amo tras un saque de esquina.
Foron os momentos nos que máis perigo xerou o Lugo, que volveu gozar doutra ocasión por medio de Lago Júnior. A partir do minuto 30 estirouse un pouco máis a VDE Ourense, e así chegou un remate de Parrilla, que tras unha grande intervención desbaratou Marc Martínez. A esta acción respondeu o Lago Júnior cun disparo con rosca tras unha xogada individual, que se foi desviado.
A partir dese instante e ata o final da primeira entrega xa non houbo ocasións claras. Iso si, os albivermellos volveron tomar o control do encontro. Co 0-0 inicial chegouse ao final dos primeiros 45 minutos.
No descanso, Yago Iglesias moveu o banco. E no minuto 50 chegou o primeiro e único gol do partido. Jorge González, moi activo, roubou un balón na frontal da área e asistiu a Unzueta, que bateu ao meta da VDE Ourense. Foi o seu primeiro tanto coa elástica albivermella.
Nesta entrega, o partido nivelouse, e a VDE Ourense foi máis atrevida. De feito, Manu Núñez tivo o empate, pero Marc Martínez evitouno. Incluso co tempo cumprido puido marcar, pero o marcador non se moveu. O Lugo alzouse co Memorial CD Ourense, pero o máis importante é que deixou boas sensacións de cara ao comezo ligueiro.
?
Marc Martínez; Iago López, Gayá, Amo, Cabalo; Álex Carbonell, Txus Alba, Celorio, Samanes; Lago Júnior e Unzueta. Tamén xogaron Jorge González, David Rosón, Arao Camala, Nico Reniero, Ibaider, Jon Merino, Kevin Presa, Trigueros e Nathaniel.
?
Vizoso; Puime, Labrada, Varo, Santi Prado; Parrilla, Manu Núñez, Justino, Jaichenco; Migui e Gamarra. Tamén xogaron Rielo, Noel, Samu Pardo, Roi Currás, Viti, Champi e Mauro.
GOLES: 1-0, min 50, Iker Unzueta.
ÁRBITRO: Jesús López. Amoestou aos futbolistas do Lugo Nathaniel, Txus Alba e Nico Reniero, e ao xogador da VDE Ourense Manu Núñez.
INCIDENCIAS: Partido que se disputou no campo municipal da Pinguela, que rexistrou media entrada, cunha nutrida representación das afeccións do Lugo e da VDE Ourense. O capitán do cadro albivermello, Marc Martínez, recolleu o trofeo Memorial CD Ourense.