Oliver Laxe: «Despois de ir á fronte, para coller forzas hai que vir á casa»

Paula Álvarez García
PAULA ÁLVAREZ LUGO / LA VOZ

LUGO

O cineasta foi homenaxeado en Navia de Suarna tras gañar en Cannes. Estiveron tamén presentes Sergi López, o actor protagonista, e Xabi Font, o productor

26 may 2025 . Actualizado a las 12:06 h.

Nin os flashes, nin as cámaras, nin os grandes recoñecementos que ten ás costas lle fan a Oliver Laxe esquecer as súas raíces. Antonte, nada máis recoller o premio do xurado no Festival de Cannes 2025, o director galego berraba aos catro ventos diante dos medios de comunicación que ao día seguinte preestreaba «Sirat», a película coa que foi galardoado, en Navia de Suarna. En Vilela, unha aldea deste concello lucense, é onde ten as súas orixes familiares e onde decidiu asentar tras os éxitos recollidos coa película «O que arde».

«Despois de ir á fronte, hai que vir á casa para coller forzas», asegurou este domingo o director, aínda canso tras a xornada anterior na cidade francesa de Cannes. Oliver Laxe puxo ao concello lucense, unha vez máis, no centro do universo grazas á proxección da súa película. «Estou contento, aínda máis ao ver toda esrta representación de autoridades e poder facer da periferia centro, que sabedes que é o que me gusta, e fortalecer tanén o eixo oriental, que estamos aí olvidados e ás veces está ben estar no centro».

A praza da vila ateigouse de asistentes de diferentes lugares, pero sobre todo de habitantes locais, que rebordaban orgullo e coincidían en que o verdadeiro premio é ter un director recoñecido a nivel mundial —e un dos poucos directores españois que conseguiu esta distinción— como veciño na montaña. «É un verdadeiro luxo e nunca nos cansermos de darlle as grazas», murmuraban diferentes familias.

Laxe fixo notar o compromiso coa súa terra ao longo de toda a súa traxectoria profesional, e nesta ocasión non ía ser menos. Cando lle preguntan se tiña claro que a estrea sería en Navia, o director non dubida nin un segundo. «Creo que o lóxico é isto, estar rodeado dos meus, que me coidan tan ben». Non é a primeira vez que o director galego escolle Navia para estrear as súas películas, pois fíxoo tamén con «O que arde» e, lembra, foi un auténtico éxito.

«Foi precioso ver tanta xente chegada de diferentes lugares e nesta ocasión semella que vai ser igual. Abrúmame, asemade, porque sempre me lanzo, e despois, cando está todo montado, digo ‘ui'», engade entre risas.

Centos de espectadores

Os centos de espectadores que se achegaron á vila non perderon ollo a «Sirat». A película, que nos cines españois se estrea o 6 de xuño, narra a aventura dun pai, intepretado polo actor Sergi López —tamén presente durante a proxección en Navia—, e un fiollo que se mergullan nas montañas do sur de Marrocos buscando a Mar, a súa filla e irmá, desaparecida durante unha rave.

Xa antes de saír á luz se cualificaba coma un filme sensorial, emocionante e inmersivo, que non deixa indiferente a ninguén, e os que en Navia o viron puideron ver ratificalo ao remate da proxección.

«O máis importante do traballo dun cineasta é facer que a película mova o corazón», asegura Oliver, arroupado polos seus veciños e por diferentes representantes políticos: dende o conselleiro de Cultura, José López, ata José Ramón Gómez Besteiro secretario xeral do PSdeG-PSOE, e Ana Pontón, voceira nacional do BNG, pasando por Pilar García Porto, vicepresidenta da Deputación de Lugo, ou por Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo.

Tampouco o alcalde de Navia, José Fernández, dubidou en amosar o seu orgullo e en agradecer a Oliver Laxe a súa aposta por este pequeno concello da montaña que el dirixe. «Xa cando era un mozo viña a Navia, sempre lle gustou, e ten unha profunda admiración polo rural e pola súa xente. Pero que siga vindo, que nos siga escollendo, e máis nestas circunstancias, é un verdadeiro privilexio do que podemos presumir», di o rexedor socialista.

Coincide con el Pilar García Porto.« A súa non é só unha aposta polo cine, é unha aposta polo medio rural. porque Oliver é un espello no que se poden mirar os noso mozos e mozas, que atopan nel un exemplo sobre o que proxectar as súas vidas», sinalou Porto.

Lembrando aos avós

O director, que en Navia é un veciño máis, pasou parte da nenez en Vilela, a aldea natal de súa nai. Alí volveu tras «O que arde» para construír un proxecto tanto persoal coma profesiona. Desde Vilela deu forma a Casa Quindós, a vivenda familiar que rehabilitou para crear un espazo multiusos no que se poden facer dende traballos apícolas ata debates sobre o futuro da vivenda para o medio rural e no que mesmo hai residencias artísticas. Ademais funciona como cine club para os veciños da zona e é a sede da Asociación Ser, impulsada polo cineasta.

Nesa casa familiar conviviu Oliver Laxe cos seus avós, para os que non faltou onte a lembranza. «Sei o que senten, que están aí e que forman parte disto», rematou Laxe.