As pallozas etnográficas do Cebreiro amplían os horarios e as visitas serán guiadas

LUGO

Estarán abertas os sábados e os domingos de 9.00 a 14.00 horas e permitirá coñecer como era a vida nestas construcións habitadas durante séculos
01 abr 2025 . Actualizado á 17:52 h.A Xunta de Galicia acaba de anunciar que abrirá durante as fins de semana o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro, ampliando así a dispoñibilidade de visitas ao público. Así, a Consellería de Cultura amplía ás fins de semana os horarios de apertura deste espazo, grazas á incorporación de persoal que se encargará da recepción e acompañamento á palloza Xan López, que permanecerá aberta os sábados e domingos, de 9.00 a 14.00 horas.
A través destas visitas, que serán guiadas, a xente poderá descubrir a historia dos antepasados galegos que habitaron esta contorna, de aproximadamente 300 metros cadrados, onde tamén se atopan as outras tres construcións que reciben o nome de Quico, Galán e Campelo.
Ademais, como complemento a estas rutas, a Consellería de Cultura tamén porá en marcha diferentes actividades didácticas e de lecer relacionadas con este conxunto, que xestiona o Museo do Castro de Viladonga, un dos centros que pertence á rede de museos xestionados pola Xunta de Galicia.

Dar a coñecer como era a vida nas pallozas
Deste xeito, o Goberno galego busca pór en valor o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro polo valor patrimonial e cultural destas construcións de planta ovalada, muros baixos e teitos de palla. Todo iso porque, durante séculos, foron habitadas, e a través de todos os obxectos que se atopan nos seus interiores, os visitantes poderán descubrir como era a vida tradicional na montaña lucense, o traballo agrícola e gandeiro, ou aspectos da vida cotiá das persoas.
Divulgación cultural e patrimonial
Sinalan desde a Consellería de Cultura que este traballo de divulgación cultural e patrimonial enmárcase nos obxectivos da recentemente aprobada Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, coa que a Xunta busca derrubar barreiras físicas, cognitivas, sociais ou territoriais, ofrecendo un amplo abano de propostas culturais que estean repartidas por toda a xeografía galega e adaptadas a todos os públicos.