En busca dunha nova etapa para o comercio de Vilalba

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

En Vilalba, en los últimos años, se han organizado concursos navideños de escaparatismo.
En Vilalba, nos últimos anos, organizáronse concursos do Nadal de escaparatismo. ÓSCAR CELA

A asociación de empresarios aspira a lograr o recoñecemento de centro comercial aberto

27 mar 2024 . Actualizado á 13:04 h.

A Vilalba que creceu como un cruzamento de camimos desenvolveuse co comercio como unha das súas principais actividades. Uns 150 anos despois do inicio daquela expansión, a asociación de empresarios, que agrupa a empresas pero tamén a pequenos negocios, aspira a que a capital chairega logre a consideración de centro comercial aberto. A iniciativa expúxose na asemblea que a patronal celebrou en días pasados, pero hai xa pasos en marcha con vistas a lograr ese propósito.

Se Vilalba se converte en centro comercial aberto, a asociación de empresarios poderá contar con axudas da Xunta. Para acadar o obxectivo, un centro comercial aberto ha de cumprir polo menos cinco dos seis seguintes requisitos: estar situado nun municipio con máis de 10.000 habitantes; ter un alto grao de concentración comercial, o que significa a presenza de polo menos cen comercios minoristas, asociados e non asociados; contar cun mínimo de cincuenta comercios minoristas asociados; mostrar diversidade de oferta comercial; ter unha zona comercial ben delimitada, integrada nos principais eixos da vila, e dispor de polo menos da metade dos socios dentro do apartado do comercio minorista. O xerente da asociación vilalbesa de empresarios, Jesús Vivero, manifestou este martes que a vila acadaba esas condicións.

As actividades subvencionables son a dinamización comercial, a fidelización da clientela, o mantemento das iniciativas de venda on-line (marketplace) e o traballo da xerencia. En canto á dinamización comercial, poderanse conceder subvencións para campañas de promoción comercial, para campañas de dinamización na rúa e para feiras de oportunidades ou eventos de promoción. Dentro da fidelización de clientes entran medidas como os billetes de aparcadoiro de compradores ou os gastos de envío. Polo que respecta ás iniciativas de venda on-line, esíxese que os comercios participantes non estean integrados nunha plataforma con outras entidades.

En localidades como Sarria, Viveiro ou Ribadeo funcionan desde hai anos centros comerciais abertos, que promoven ao longo do ano diversas estratexias e campañas. Na capital chairega, na primeira década deste século, a implantación dun centro comercial aberto foi un dos principais obxectivos da Unión Comercial Vilalba (UCV), que presidía Mar Ramil. A directiva que encabezaba deixou o cargo e non apareceu substitución, e parte dos comercios foron entrando, anos despois, na asociación de empresarios.

Esa entrada de novos socios, cunha actividade diferente á das firmas asentadas no polígono de Sete Pontes, tamén introduciu un cambio na asociación de empresarios, que foi incorporando a organización de iniciativas de promoción do comercio local. Tamén, nos últimos anos, se organizaron concursos do Nadal de decoración de escaparates, organizados polo Concello.