«Fixémonos adictos ao microteatro»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

A compaña lucense de teatro Microefectos Dramatúrxicos cumpre sete anos

06 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A compañía lucense Microefectos Dramatúrxicos cumpre este mes sete anos de vida: «Aquel 2 de maio do 2013 pensabamos que o proxecto duraría, coma moito, un par de tempadas, pero... topamos cun público incrible, descubrimos que microefectear é un modo de vida e fixémonos adictas e adictos a isto do microteatro», explican nas súas redes sociais desde o colectivo teatral.

Lembran que comezaron na sala Velvet Underground e que despois mudaron «ao noso benquerido Club Clavicémbalo». Nestes sete anos montaron preto de duascentas obras, case todas de creación propia, que repartiron ao logo das 47 sesión que fixeron dende entón, crearon dúas montaxes de longa duración, publicaron un libro e repartiron microteatro por toda Galicia.

O proxecto de Microefectos Dramatúrxicos xira en torno á escrita teatral como punto de partida para a montaxe escénica das pezas creadas. Os seus integrantes, vencellados ao teatro, ao cine e a outros eidos artísticos e culturais, son Anxo Manoel Lamelo, Conchi Madrina, Brian Rodríguez, Isa Herrero, Germán Frasio, Rubén Pérez, Elvira Rodríguez e María Grandío.