O Concello busca bancadas para o Arde Lucus, pero non recibe ofertas

LUGO

ÓSCAR CELA

O investimento nos equipos de son supera os 30.000 euros

25 may 2019 . Actualizado á 21:38 h.

Na concellaría de Cultura andan a cen coa organización do Arde Lucus. Queda xa só medio mes porque o gran festexo do inicio do verán xa non só na cidade, senón no resto de Galicia, comezará o próximo 14 de xuño. E quen está cos preparativos teñen que facer fronte a algúns «atrancos» inesperados como, por exemplo, non atopar quen forneza cadeiras e bancadas, e tamén algún escenario.

Para a suministración da infraestrutura necesaria foron convocados diversos concursos que están a se resolver estes días. O de subministración de escenarios e bancadas para a Praza de Santa María e a lonxa do pavillón municipal dos deportes ,onde se celebra o circo romano, un dos espectáculos que máis gusta ao público, quedou deserto. Non houbo ningunha empresa interesada en levar a cabo a entrega do material na cantidade estipulada: 18.446 euros co IVE incluído.

Esta circunstancia, explicaron onte fontes municipais, conduce a unha negociación directa con algunhas empresas do sector para poder contar con este material.

Non houbo problemas, en cambio, coa contratación do alugueiro de equipos de son e luz e traballos de produción e concertos das festas nos dous recintos antes sinalados. Desde o pasado 7 de maio están adxudicados á empresa lucense ASA Son que presentou unha oferta económica de 15.062 euros.

Está sen resolver o alugueiro e instalación de equipos de son para animación de rúa durante a celebración do festexo romano, que este ano acada a súa edición número dezaoito. O presuposto basee de licitación é de 18.767, cantidade que inclúe o IVE.

Rafael Amargo

Por outra banda, o Concello adxudicou á empresa Kinoshots S. L a contratación do espectáculo do artista Rafael Amargo, Dionisio e a Vide e Mil Noites, que foi programado para hoxe no auditorio Gustavo Freire, A institución municipal lucense pagará 20.750 euros por un espectáculo cunha duración de 105 minutos como mínimo.

Os postos rueiros de hostalería serán xestionados por empresarios de fóra da cidade

Se non se producen cambios de última hora, os empresarios de hostalería que o ano pasado quedaron no concurso cos postos rueiros de comida e bebida, poderán continuar coa concesión este ano se o desexan. As bases do consistorio establecían que había prórroga para este ano e tamén para o que vén.

Os postos instálanse nas proximidades da Praza de Bretaña, nas proximidades do cuartel da Garda Civil. O ano pasado quedáranse cos mesmos empresarios de fóra da cidade, entre eles dúas da provincia de Xaén.

Unha dos aspectos que dá puntos á hora do concurso, é o referente ao número de vales de comida que ceden ao Concello. O ano pasado, por exemplo, os que quedaron cos postos comprometéronse a entregar 50, 30 e 15, respectivamente. O Concello esíxelles un seguro de responsabilidade civil para facer fronte a posibles casos de intoxicacións alimentarias.