Protesta do BNG na beiravía dunha N-540 chea de fochancas

La Voz

TABOADA

Concentración en Taboada con veciños e cargos desta formación política

20 ene 2024 . Actualizado á 18:38 h.

Veciños de Chantada, Monterroso e Taboada e representantes do BNG concentráronse este venres neste último municipio para reclamar ao Gobierno central a reparación urxente e en profundidade da estrada de Lugo a Ourense, a N-540. A protesta levou a cabo no lugar de Meixonfrío e nela participou tamén o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego.

Ante os concentrados, Rego anunciou que reclamará ao Ministerio de Transportes «que se inclúan unha serie de partidas para o arranxo integral desta estrada» e que as obras leven a cabo canto antes, «sen agardar ao 2025». Neste acto participaron tamén o deputado provincial Efrén Castro e o tenente de alcalde de Taboada, Jose Portela.

A situación desta estrada  preocupa desde hai tempo nas comarcas polas que pasa entre as dúas capitais de provincia do interior de Galicia.

A deterioración do asfalto é evidente desde hai anos e agora vólvese a pór de manifesto despois duns anos máis tranquilos despois dun parcheo acometido polo ministerio entre o 2018 e o 2020. Nos últimos tempos as fochancas volvéronse a abrir, nun proceso acelerado por estes últimos meses, de moita choiva, e xa provocan de novo avarías constantes nos coches que caen neles.